Nun mundo onde a moda rápida domina o mercado e a exclusión social afecta especialmente ás mulleres racializadas e migrantes, xorde a cooperativa CostureArte como unha resposta transformadora. Esta iniciativa non é só unha cooperativa de costura; é unha chamada de esperanza e a demostración palpable de que outras formas de facer economía son posibles.
Así se define na web a cooperativa Costurearte S. Coop. Galega, a entidade que o Consello Reitor de Algalia decidiu apoiar a través da campaña emprendida pola Fundación Coop57 a nivel estatal. En Galicia, este apoio se concreta nunha campaña de captación de fondos cun obxectivo de 10.000 euros, que servirá para axudarlles á conformación do capital social e os primeiros investimentos.
Neste proceso son varios os axentes que interveñen, á parte das propias socias promotoras da nova cooperativa e da Fundación Coop57, como soporte desta campaña de captación de fondos:
- Coop57 arbitrará a mellor solución posible para financiar á Cooperativa para que as socias poidan pór o total das achegas obrigatorias ao capital social.
- Asociación Arraianas dará apoio na divulgación da campaña de captación de fondos da Fundación.
- Espazocoop Unión de Cooperativas será a encargada do acompañamento ao grupo promotor para a eleboración de estatutos e a preparación das axudas APROL.
- Escola de emprendedoras Juana Millán que, a través de 50pés Consultoras S. Coop. Galega, elaborará o plan de viabilidade coas socias promotoras
- Outros actores. Cooperativas socias de servizos que poden achegar directamente fondos (a través da campaña da Fundación), como é o caso de Algalia.
A arte feita costura
CostureArte nace do encontro de tres mulleres —Juana, Diana e Rosalía— que decidiron non esperar a que outros lles desen oportunidades para crealas por elas mesmas, en relación coa comunidade que as rodea. Tres procesos de migración transnacional que se entrelazan como fíos nun tecido, formando algo máis forte e fermoso que a suma das súas partes individuais. «Queremos contar con vós non só porque imos cumprir un dos nosos soños, senón tamén porque imos axudar a cumprir moitos máis», relatan as fundadoras.
CostureArte promove un modelo de sociedade onde as mulleres migrantes non son vítimas á espera de axuda, senón vítimas dos seus propios destinos, que constrúen como comunidade. Esta é a historia de como un curso de costura creativa na Asociación Arraianas, socia de servizos de Coop57, se converteu no xermolo dun proxecto que aspira a transformar non só pezas de vestir, mais vidas enteiras. É o testemuño de que a Economía Social non é unha utopía, senón unha realidade tanxible que se constrúe día a día, punto a punto.