O encontro, celebrado os días 6 e 7 de novembro, permitiu compartir este recoñecemento coas persoas que forman parte de Algalia e poñer en valor o compromiso colectivo co cooperativismo.

O pasado mes de xullo, Algalia recibiu o Premio aos Valores Cooperativos 2026, no marco dos Premios ao Cooperativismo Galego, promovidos pola Xunta de Galicia. O recoñecemento foi entregado o 4 de xullo, coincidindo coa celebración do Día do Cooperativismo Galego, nun acto organizado na adega da cooperativa Martín Códax, en Cambados.

Para Algalia, este premio representa un recoñecemento á nosa traxectoria e, especialmente, á maneira de entender e desenvolver a nosa actividade profesional, baseada na cooperación, o compromiso coas persoas e a contribución ao fortalecemento da economía social.

Un premio colectivo merece unha celebración compartida. Con esta idea, decidimos destinar o importe económico do galardón a organizar un encontro para as persoas que forman parte de Algalia, coa posibilidade de compartir tamén a experiencia cunha persoa da súa contorna familiar.

A celebración tivo lugar os días 6 e 7 de novembro, cun programa que comezou cunha visita ás instalacións da cooperativa vitivinícola Viña Costeira (Ribadavia, Ourense), onde puidemos coñecer a súa actividade e compartir unha cata dos seus viños.

 

 

A xornada continuou cunha cea de confraternidade e unha estancia no Balneario de Laias, que permitiu prolongar o encontro nun ambiente distendido.

Máis alá das actividades, esta celebración foi unha oportunidade para fortalecer os vínculos persoais, compartir momentos fóra do ámbito de traballo e recoñecer a contribución de todas as persoas que fan posible o proxecto de Algalia.

Entendemos que os valores cooperativos non se limitan á nosa forma xurídica, senón que deben estar presentes na maneira de relacionarnos, de tomar decisións, de traballar en equipo e de acompañar as organizacións coas que colaboramos.

Este premio anímanos a continuar avanzando nesa dirección, reforzando a nosa identidade cooperativa e o compromiso cun modelo empresarial no que as persoas, a participación e a cooperación ocupan un lugar central.

Porque os recoñecementos son importantes, pero o verdadeiramente valioso é poder construír e compartir o camiño que nos leva ata eles.

 

Voltar