O finanzamento do 0,7% do I.R.P.F. para 2017

Cadrando co remate do prazo para a presentación da declaración anual de I.R.P.F., o Estado e as Comunidades Autónomas teñen alcanzado un acordo sobre a concesión de subvencións a programas de interese xeral con cargo a esa asignación tributaria do I.R.P.F. para o ano 2017.

Da importancia social deste sistema dá idea que o ano 2016 permitiu:

  • que fosen atendidas cáseque 7,4 millóns de persoas
  • que se repartisen máis de 234 millóns de euros
  • que se executasen 8.552 proxectos
  • que se financiasen 1.383 programas
  • e que participase máis de 114.000 persoas voluntarias.

Os antecedentes.

A concesión de subvencións a entidades do Terceiro Sector con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do I.R.P.F. é una medida consolidada no tempo e arraigada na sociedade española, e executada por medio de convocatorias anuais.

A Sentenza do Tribunal Constitucional, do Pleno, nº 9/2017, de 19 de xaneiro esixía -esa era a expresión literal- esixe que o Estado abordase sen demora a modificación do marco regulador destas subvencións para respectar as competencias que se desprenden da Constitución e dos Estatutos de Autonomía, evitando “a persistencia de situacións anómalas nas que sigan sendo exercitadas polo Estado competencias que non lle corresponden”.

Así, o “Consejo Territorial de Servicios Sociales y del Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia” na sesión do día 26 de abril de 2017 adoptou por unanimidade o acordo de que o futuro modelo de xestión do 0,7% do IRPF sexa un modelo mixto: un tramo compete á Administración Xeral do Estado e outro ás CC.AA e Cidades con estatuto de autonomía, en condicións a concretar.

A concreción.

O modelo mixto concretouse na sesión de 19 de xuño de 2017 do mesmo “Consejo” nun reparto do 20% para o Estado e un 80% para as CC.AA. e Cidades con estatuto de autonomía, o cal para 2017 supón a seguinte distribución do crédito «Para actividades de interese xeral consideradas de interese social»:

TOTAL 240.856.313,87 euros
ESTADO 48.171.262,77 euros
CC.AA. e Cidades con estatuto de autonomía 192.685.051,10 euros

Destes, correspondenlle a Galicia 11.453.784,35 euros, dicir, un 5,94%. do tramo autonómico, do cal Andalucia, Cataluña, Madrid e Castela e León levan a parte do León, cun total entre as catro de máis de 116 millóns de euros, de acordo coa Orde SSI/596/2017, de 23 de xuño, complementada pola Orde SSI/597/2017, tamén de 23 de xuño.

Consideraranse como entidades beneficiarias destas subvencións as entidades do Terceiro Sector de Acción Social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, de 9 de outubro, do Terceiro Sector de Acción Social,  a Cruz Vermella Española, así como as contempladas como entidades do Terceiro Sector de Acción Social na lexislación específica das CC.AA. e cidades con estatuto de autonomía.

O día despois.

Mais… logo deste importante acordo restan aínda flecos deste recén nado sistema, de entre os cales queremos salientar nesta breve nova cando menos os dous seguintes:

  1. O acordo refírese ao exercicio de 2017, e para o escenario a partir de 2018 quedou constituído un grupo de traballo para analizar o futuro do sistema.
  2. Resta por concretar a aplicación dentro de cada C.A. e Cidade con estatuto de autonomía, tanto para este ano 2017 como para os anos futuros, en particular os criterios para a selección, dos cales os acordos alcanzados salientan dous grandes criterios cos seus subcriterios:
    • Criterios orientativos de valoración das entidades solicitantes.
      • Implantación: ámbito territorial, e número de persoas socias e afiliadas.
      • Estrutura e capacidade.
      • Calidade na xestión: valores, principios e criterios de calidade, mediante o desenvolvemento, implantación e mantemento de sistemas de xestión de calidade ou mediante procesos de autoevaluación e mellora continua de forma periódica.
      • Auditoría externa.
      • Orzamento e financiamento: orzamento, patrimonio, financiamento obtido doutras institucións, capacidade para mobilizar recursos doutros entes públicos e/ou privados
      • Participación social e voluntariado.
      • Antigüidade.
      • Adecuación de recursos humanos, tendo en conta:
        • A natureza, características e duración da contratación do persoal asalariado preexistente e de nova incorporación.
        • O emprego de persoas con discapacidade.
        • O emprego de persoas en situación de exclusión social ou empresas de inserción nas que a entidade teña a consideración de entidade promotora. O emprego de mulleres, de persoas novas e desempregadas de longa duración.
        • A existencia de plans de igualdade.
    • Criterios orientativos de valoración dos programas.
      • Determinación dos obxectivos: obxectivos, impacto, poboación á que van dirixidos.
      • Contido técnico do programa: adecuación ao obxectivo proposto, calendario, actividades concretas, indicadores.
      • Calidade: desenvolvemento e implantación dun proceso de calidade.
      • Orzamento do programa: orzamento e custo medio por usuaria.
      • Cofinanciación.
      • Corresponsabilización: cofinanciados pola propia entidade.
      • Ámbito.
      • Programas de innovación: necesidades non cubertas.
      • Experiencia na xestión de programas sociais.
      • Impacto do programa: número de destinatarias.
      • Avaliación das necesidades das persoas ou grupos nos que se integran.
      • Colaboración con outras Administracións Públicas: as actividades do programa complementan os programas previstos polas distintas administracións públicas, valorándose os acordos de colaboración coas mesmas.

Á vista de todo o anterior, ¿estamos preparados para o ano 2018, e os seguintes? ¿Como entidade? ¿E os programas tamén?

O tempo, e as subvencións -acadadas ou non acadadas- hánnolo dicir.

Santiago Miguez
Responsable do Servizo Xurídico de Algalia Servizos para o Terceiro Sector

 

Voltar