As organizacións afrontan hoxe retos cada vez máis complexos relacionados coa xestión do cambio, o liderado de equipos, a transformación organizativa e a adaptación a novos contextos sociais e económicos. Neste escenario, a formación especializada adquire un papel estratéxico para quen acompaña estes procesos desde a dirección, a consultoría ou a xestión de persoas.
Con ese obxectivo nace o Máster de Formación Permanente en Consultoría de Desenvolvemento Organizacional e Xestión do Cambio (Programa MACONDO), un título propio da Universidade Europea Miguel de Cervantes (UEMC) que ofrece unha proposta de aprendizaxe baseada nos principios do Desenvolvemento Organizacional (DO): unha visión sistémica, participativa e centrada nas persoas para impulsar procesos de transformación nas organizacións.
O Programa MACONDO está dirixido a persoas con experiencia profesional en funcións directivas, coordinación de equipos, consultoría ou liderado organizacional, tanto do ámbito empresarial como da economía social, as administracións públicas ou o terceiro sector.
Entre as súas principais características destacan a aprendizaxe experiencial, a mentoría individualizada, a intervención real en organizacións e a creación dunha comunidade profesional vinculada á Asociación DHO, combinando sesións presenciais e formación en liña.
Algalia forma parte da Xunta Directiva da Asociación DHO, entidade impulsora do programa, e contribúe, ademáis, ao equipo docente a través de dous dos seus profesionais: Miguel Barbosa, responsable da área de Consultoría, e David Pereiro, responsable do Programa VIRADA.
Esta implicación responde ó compromiso de Algalia cun modelo de consultoría que entende as organizacións como espazos de aprendizaxe, colaboración e desenvolvemento, onde as persoas son o principal motor do cambio. A participación neste máster supón un paso máis para contribuír á profesionalización deste ámbito.
O prazo ordinario de preinscrición permanecerá aberto ata o 30 de xuño, mentres que o prazo extraordinario finalizará o 12 de xullo. O máster comezará en setembro de 2026 e conta con 30 prazas.
Máis información en https://www.asociaciondho.org/about-1
Consulta o Programa completo aqui