O 20 de decembro de 2023 publicouse no BOE o RDL 6/2023, un “macro” Real Decreto-lei cuxo obxectivo é cumprir cun paquete de compromisos coa UE que condicionan os paquetes de axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. No “Libro cuarto” deste RDL abórdase a mellora da regulación do mecenado e do réxime de incentivos fiscais. A entrada en vigor destas modificacións prodúcese o 1 de xaneiro de 2024.

As novidades detectadas son as seguintes:

  1. Inclúese a defensa dos animais como fin de interese xeral.
  2. Inclúense como explotación económica exenta as accións de inserción sociolaboral de persoas en risco de exclusión social, así como o ensino e formación profesional vinculadas a estudantes de altas capacidades.
  3. Amplíase a definición da explotación económica exenta seguinte: “As explotacións económicas de investigación, desenvolvemento e innovación, a condición de que se trate de actividades definidas conforme o disposto no artigo 35 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do Imposto sobre Sociedades.”
  4. Incorpórase como donativo deducible “A cesión de uso dun ben moble ou inmoble, por un tempo determinado, realizada sen contraprestación.”
  5. Incorpórase tamén un novo tipo de donativo, o denominado mecenado de recoñecemento ou recompensa, que permite que o doante obteña retornos simbólicos en forma de contraprestación de bens ou servizos, sempre que non representen máis do 15% do valor da doazón cun tope máximo de 25.000 €.
  6. Mellóranse as porcentaxes de dedución, os importes e límites á dedución:
    • Sóbese o importe con dedución ao 80% de 150 a 250 euros en IRPF.
    • Increméntanse os segundos tramos de dedución en IRPF (35% a 40% e do 40% a 45%).
    • Increméntanse os tramos de dedución en Imposto sobre Sociedades (do 35% ao 40% e do 40% ao 50%).
    • Increméntase do 10% ao 15% o límite da base en Imposto sobre Sociedades.
    • Increméntase do 10% ao 15% o límite da base de dedución no Imposto sobre a Renda de Non Residentes.
  7. Amplíase o concepto de convenio de colaboración empresarial en actividades de interese xeral incluíndo de forma expresa as achegas en especie incluída a prestación gratuíta de servizos. O colaborador poderá ademais difundir esta colaboración.

A entrada en vigor destas modificacións prodúcese o 1 de xaneiro de 2024. Isto implicará que os donativos de 2023 a declarar en xaneiro de 2024 (modelo 182) manterán o esquema de deducións previo.

Voltar