A cooperativa Abeluria nace en xuño de 2018 como un espazo  no que sumar e potenciar as habilidades e capacidades individuais cunha finalidade colectiva: a transformación e acompañamento das entidades que poñan ás persoas no centro das súas tomas de decisións.

Cristina Mosteiro, consultora de comunicación de ABELURIA, participou en 2023 na sétima edición de VIRADA Liderado, a proposta formativa de ALGALIA e EDE FUNDAZIOA .

O propósito de VIRADA Liderado é contribuír a que persoas con responsabilidades directivas ou de coordinación de equipos, responsabilidades en exercicio ou futuras, adquiran competencias estratéxicas, interpersoais e persoais que as capaciten para o desenvolvemento dun liderado máis efectivo.

1.- Cristina, como participante en VIRADA Liderado, que puntos de valor en xeral cres que aporta ás entidades e ás persoas este itinerario de aprendizaxe?

O programa supuxo, para min, unha apertura a un espazo de autocoñecemento desde o que aproximarse, con conciencia, á cultura organizativa e ao desenvolvemento do liderado. Xa o dicían as mentoras e mentores, VIRADA é un bufete libre no que se presenta unha batería de recursos e cadaquén queda con aquilo que a nutre, tanto á persoa como á entidade á que pertence.

A variedade de ferramentas, sumada ás dinámicas que se fan e á posibilidade de compartir experiencias, dúbidas, aprendizaxes coas demais participantes, fai que o programa resulte de gran riqueza. Neste sentido, destacaría o poder que ten “o colectivo” no programa VIRADA e as alianzas que nacen naturalmente del. Aprendín moito das/coas miñas compañeiras.

VIRADA é unha viaxe persoal e profesional ao centro das nosas organizacións.

2.- Que aspectos ou recursos descubriches a nivel persoal que podes aplicar no teu desempeño laboral e, polo tanto, tamén beneficiar á túa organización?

Podería resumilo, máis que nunha descuberta, nun recoñecerse a unha mesma como líder. E a partir de aí, poder traballar eses trazos para min claves, tanto no eido persoal como profesional. Entre estes aspectos está a confianza, no seu sentido máis amplo, a capacidade de observación ou o cultivo da creatividade para afrontar os desafíos que se dan no día a día de calquera entidade.

Houbo ocasión, tamén, para botar a mirada atrás e sacudirme aqueles hábitos que hoxe xa non resultaban beneficiosos. Penso que un dos grandes retos á hora de emprender é atopar a nosa maneira de liderar/co-liderar un proxecto. Moitas veces “cargamos” con directrices que pouco teñen que ver coa nosa forma de ser, de ver ou estar no mundo. Este achado marcou un antes e un despois no meu camiño profesional e nesta andaina con Abeluria.

As pautas que me facilitaron desde VIRADA para non perder de vista os coidados na rutina da cooperativa foron outra das aprendizaxes máis relevantes que me levo. Vaia, varios meses despois de que rematase oficialmente o programa, sigo aprendendo del.

3.- Hai algo que desexes compartir da túa experiencia para animar a emprender este camiño a outras persoas e entidades?

É unha grande oportunidade para descubrir, ou redescubrir, as túas dotes como líder. Pensar desde onde e como se toma o poder, e contar cos recursos necesarios para mellorar no exercicio desta responsabilidade. Por exemplo, saber comunicarse de forma non violenta ou prestar atención ao sentimento de pertenza de tódalas persoas que compoñen a entidade.

Penso que VIRADA Liderado non te deixa indiferente, nin como persoa nin como profesional pois, ao final, o mesmo “eu” somos.

Voltar