A calidade das nosas relacións profesionais vén determinada, en boa medida, pola ética que impera nas nosas organizacións.
Adoitamos dedicar tempo a revisar e mellorar os procesos produtivos, pero poucas veces nos paramos a pensar se as relacións entre as persoas que forman o noso equipo son saudables. Unha organización saudable é aquela que establece procesos de traballo que promoven e manteñen un estado de completo benestar físico, psíquico e social dos seus traballadores e, á súa vez, posúe unha alta eficiencia e rendemento laboral.
O doutor Domènec Melé, catedrático emérito do Departamento de Ética Empresarial e titular da Cátedra de Ética Empresarial do IESE, publicou en 2014 na revista Journal of Business Ethics, “Human quality treatment”: Five organizational levels”, un estudo sobre os cinco niveis organizativos que inciden na calidade do tratamento cara ás persoas. Melé identifica estes cinco niveis como: maltrato, indiferenza, xustiza, coidado e desenvolvemento.
O maltrato é o nivel máis baixo de calidade relacional, e implica un abuso de poder e unha situación de flagrante inxustiza nunha relación.
A indiferenza supón un trato irrespectuoso por falta de recoñecemento e preocupación cara ás persoas que integran a nosa organización.
A xustiza consiste en respectar as persoas e os seus dereitos, pero esquece que aínda queda máis por andar.
O coidado sitúase na parte alta da calidade relacional. Asume unha preocupación real polos intereses lexítimos das persoas e brinda o apoio necesario para que se solucionen os problemas.
No máis alto da escaleira, Melé sitúa o desenvolvemento, que nace de actuar con verdadeira estima cara aos colaboradores, favorece a integridade e o comportamento virtuoso dentro da organización, cando se actúa con espírito de servizo e cooperación, e fomenta a iniciativa, a creatividade, a participación, o sentido de responsabilidade e o compromiso. Acontece cando coñeces os talentos de cada persoa e traballas para intentar maximizalos.
Agora pensemos… A que nivel está a nosa entidade? Todo o equipo ten a mesma percepción? Non é unha utopía querer chegar a esta última etapa dentro da nosa organización. Analicemos e reflexionemos sobre onde estamos e cara onde queremos chegar, e empreguemos todas as ferramentas ao noso alcance para acadar ese obxectivo común.
VIRADA, un recurso eficaz
Como entidades do terceiro sector e da economía social apostamos por antepoñer ás persoas á prestación económica, polo que non hai escusas á hora de buscar tempo para coidarnos, e coidar aos que nos rodean.
É aí onde entran en xogo ferramentas que nos axudarán a poñer no punto de mira á xente, como o Programa Virada.
VIRADA articúlase como un programa en dúas iniciativas principais:
- O desenvolvemento do liderado executivo de persoas, VIRADA Liderado.
- O desenvolvemento da eficacia dos equipos de traballo, VIRADA Equipos.
Dende Algalia convidámoste a coñecer o que pode ofrecer este programa formativo á túa organización e ao equipo.
Consulta as características de cada un e inscríbete antes do 17 de febreiro de 2023.
En breve zarpamos e non queremos que vos quededes fóra… Acompáñanos!