As competencias persoais para a introspección, para unha relación compasiva cun mesmo, e para a relación cos demais, son un requisito esencial para a felicidade persoal e grupal na vida organizativa.
Cando establecemos relacións produtivas no traballo co resto do equipo xógase unha porcentaxe moi elevada do benestar persoal no desempeño laboral. Ademais, as relacións produtivas entre persoas no traballo xeran condicións favorables para que se poidan construír organizacións efectivas con respecto ao seu propósito final.
Desde este enfoque, o Programa VIRADA promove un cambio organizacional que non prescinde da transformación persoal, senón que alcanza e aséntase nesa pedra angular.
VIRADA é o referente no que ALGALIA, en colaboración con outras entidades, como FundaciónEDE e Mondragon Unibertsitatea, agrupa as súas propostas de acompañamento a persoas, equipos e organizacións.
Neste momento, VIRADA articúlase como programa en dúas iniciativas principais:
- O desenvolvemento do liderado directivo de persoas, VIRADA Liderado.
- O desenvolvemento da efectividade de equipos de traballo, VIRADA Equipos.
En 2023 desenvolverase, ademais, unha nova edición de VIRADA Profundización, cuxo prazo de inscrición finaliza o próximo 23 de decembro.
Esta última iniciativa ten o valor de afondar nas competencias adquiridas en VIRADA Liderado, pechando, desta maneira, un ciclo de formación orientado ao desenvolvemento ou do exercicio do liderado nas organizacións.
En palabras de Xoán España, director xeral da Asociación AMICOS e participante en VIRADA Profundización, “VIRADA pode ser, para aquelas organizacións que están a empezar a traballar temas de innovación e desenvolvemento organizativo, a clave para abrir, crear e, sobre todo, desenvolver todo o novo que está por voltar”.
Queres coñecer os beneficios que VIRADA achegará ao teu desenvolvemento persoal, e por extensión, ao teu equipo?
Escoita o testemuño dunha das nosas coach: Begoña Suárez.