Jorge Rodríguez forma parte de Algalia desde a súa constitución e ocupa o cargo de vicepresidente do seu Consello Reitor desde 2020.
1.- Cal é o principal papel do Servizo Económico de Algalia para as entidades coas que traballa?
O servizo ten dúas funcións principais. A primeira está relacionada con garantir o adecuado cumprimento das obrigacións contables e fiscais de calquera organización da Economía Social. especialización no sector non lucrativo, en particular e na Economía Social, en xeral, é a garantía diso. A segunda está relacionada con servizos que, entendemos, teñen un maior valor para as nosas entidades clientes: traballamos para as persoas con responsabilidades de dirección nestas organizacións (xuntas directivas, padroados, consellos reitores, persoal de dirección ou xerencia, etc.) na obtención de información económica relevante que lles permita, co noso asesoramento, tomar decisións fundamentadas para o seu futuro inmediato. Isto faise con servizos de control e seguimento orzamentario e co acompañamento directo á dirección das entidades polo noso equipo de profesionais asesores e técnicos.
2.- Cales son as principais dificultades coas que se atopan as entidades do terceiro sector na actualidade?
As entidades do terceiro sector conviven na economía e na sociedade co conxunto de organizacións empresariais, administracións e cidadáns, polo que, non son alleas ás dificultades xerais que estamos a vivir. Tras unha aparente “normalización” posterior aos primeiros dous anos de pandemia, había unha confianza en recuperar canto antes, ou mesmo mellorar, os índices económicos e sociais. Evidentemente, coa galopada na inflación e a problemática da guerra en Ucraína, volven aparecer nuboeiros no futuro inmediato: aumento dos custos, dificultades para repercutilos aos financiadores, etc.
3.- A nivel interno, como é o equipo que desenvolve o servizo? Que elementos de innovación está a implementar?
Na actualidade o servizo económico conta con once profesionais repartidos nas oficinas de Vigo e Santiago de Compostela. Os principais elementos de innovación nestes momentos teñen que ver coa dixitalización na prestación de servizos. Un dos grandes proxectos deste ano é incluír á nosa carteira de clientes nun servizo gratuíto de organización, clasificación e almacenamento de toda a documentación contable e fiscal compartíndoa cos nosos clientes coas vantaxes da tecnoloxía Cloud. Ademais, estamos a incorporar ferramentas que faciliten a recollida automática de información contable para poder centrar o servizo no que importa ao cliente: a información a tempo e o asesoramento.