O Foro pola Economía Social Galega, FOROESGAL, presentou hai uns días o Primeiro Estudo sobre o Impacto Socioeconómico dos Principios e Valores da Economía Social Galega da voz das súas autoras: as profesoras da Universidade Rey Juan Carlos, Belén Castro e Rosa Santero, e a directora de Abay Analistas Económicos, Maribel Martínez.
O estudo apunta que a economía social (ES) contribúe a un crecemento inclusivo e á redución das desigualdades, presentando máis estabilidade do emprego, niveis salariais superiores e menor dispersión salarial.
En Galicia, 5 de cada 100 empresas ou entidades do sector privado pertencen á economía social, lideradas pola provincia de A Coruña, co 43,9% das entidades, seguida por Pontevedra, cun 35,5% adicional; Lugo representa o 11,2%, e Ourense, o 10,7%.
Por sectores de actuación, a economía social galega ten unha clara especialización en Servizos Sociais, onde o peso relativo deste sector na ES é 12 veces superior ao que ten na economía mercantil. A seguen Cultura e Lecer (6,5 veces superior), Educación (5 veces superior) e Sanidade (2 veces superior).
Para as autoras do informe, o valor das entidades da economía social radica na “contribución moi positiva para o conxunto da sociedade grazas aos seus efectos sobre a cohesión social, a cohesión territorial e a creación de emprego inclusivo”.
No ámbito laboral, contan cunha menor porcentaxe de traballadores/as con xornada parcial (a 26,7% fronte ao 35,5% nas empresas mercantís). Ademais, xera actividade, emprego e oferta de servizos crave nas zonas rurais, xa que atopamos este tipo de empresas, sobre todo, en concellos de menos de 40.000 habitantes.
Como colofón, o informe, apoiado por Cajamar, Caixa Rural Galega e a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, constata que os beneficios totais netos (directos e indirectos) que os principios da economía social galega achegan á sociedade cífranse en 851,2 millóns de euros anuais. Deste importe total, o 43% está vinculado á creación de oferta en dependencia e educación, o 24,4% ás mellores condicións de emprego e o 21% á creación de postos de traballo para colectivos con problemas de empregabilidade.
Pode consultar esta información ampliada neste enlace
Pode descargar o Estudo sobre o Impacto Socioeconómico da Economía Social en Galicia neste enlace