O xoves 17 de decembro de 2020 celebrouse en Burela a acción formativa Lidera coa túa luz, promovida por unha comunidade de aprendizaxe da edición 2020-2021 do Máster en coaching de persoas e equipos da Mondragon Unibertsitatea (MU).
Forman parte desta comunidade María José Novoa e Belén Vallina, participantes en VIRADA Liderado, as cales están a completar a formación iniciada en VIRADA coa súa participación no Máster. A participación en VIRADA Liderado e o Curso de profundización en liderado de VIRADA, faculta o acceso directo ao segundo módulo deste Máster da MU.
A comunidade, que contou coa colaboración da Fundación EDE, ALGALIA e Asociación de axuda ao enfermo mental de A Mariña, congregou a un selecto grupo de participantes de diversos sectores que responderon á invitación desde toda a xeografía de Galicia.
Esta coidada e fermosa iniciativa contribuíu a consolidar un estilo de liderado efectivo para dar resposta ás novas necesidades emerxentes.
As organizacións de economía social enfróntanse, como toda a sociedade, a momentos de grande incerteza e fondos procesos de acelerado cambio. Neste contexto o planeta está a organizarse para dar resposta a grandes desafíos: a súa propia sustentabilidade, o benestar económico das persoas, a xustiza e convivencia social…
Todos os países da ONU están a coordinar a resposta conxunta a estes retos a través da formidable iniciativa da formulación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, para os que o humanidade precisa de novas formas de relación consigo mesmo e coa natureza, novas formas de liderado.
Grazas ás orixinais e sentidas exposicións do alumnado do Máster, economistas, educadoras socias, farmacéuticas, xerentes de servizos sociais, patróns de cofradías, xerentes de entidades do terceiro sector, traballadoras socias, consultoras e coachs… puideron aproximarse ás distincións que o enfoque de VIRADA, aliñado con EDE e MU, favorecen a consolidación de novos liderados participativos.
Algúns dos contidos abordados foron os seguintes:
- Cada persoa proxecta dende os dominios primarios da linguaxe, a emoción e o corpo, o tipo de observadora que é da realidade na que participa, e que vai configurando o seu enfoque de observación a través de diversos modelos mentais.
- A escoita, entendida como unha apertura ampla a percibir e interpretar o percibido.
- A aprendizaxe, co modelo OSAR para explicar os diversos tipos de aprendizaxe: de primeiro, segundo e terceiro grao.
- Os xuízos, ese tipo de declaracións que contribúen decisivamente á configuración da propia identidade, e que están sometidos a procesos de revisión da súa fundamentación.
- As declaracións básicas, asociadas á propia dignidade das persoas: de afirmación, de negación, de ignorancia, de gratitude, de perdón e de amor.
- O mundo das emocións e os estados de ánimo.
- A coordinación de accións, como unha ferramenta para o axuste dos ciclos de petición e promesa…
Significa algo isto para ti?
Se a resposta é que si, e que estas distincións forman parte da túa mochila para enfrontar o teu propio liderado e o das persoas coas que colaboras, é que formas parte da marea na que quere contribuír VIRADA.
Se a resposta é que non, pero quedas intrigada, ou coidas que pode ser de utilidade para ti afondar nestes asuntos, invitámoste a participar nos programas de VIRADA. Pincha aquí.
Conversamos?
David Pereiro. Responsable de VIRADA.