O Ministerio de Traballo e Economía Social publicou no BOE a segunda convocatoria de axudas do Perte da Economía social e dos coidados, dotada con 80 millóns de euros, con prazo de solicitude ata o próximo 12 de febreiro. Por esta orde convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a realización de proxectos en materia de Economía Social para os anos 2024-2025, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e dentro do Perte da Economía social e dos coidados

As axudas queren impulsar a realización de proxectos de xeración e mantemento do emprego de empresas viables que estean a atravesar dificultades ou sen substitución xeracional actual ou previsible, mediante a súa conversión en fórmulas empresariais da economía social, xestionadas polas súas traballadoras e traballadores. Tamén inclúe proxectos de creación e consolidación de entidades do tecido produtivo da economía social con carácter innovador, incidindo na substitución xeracional e no emprendemento xuvenil e feminino.

A esta convocatoria tamén poden concorrer proxectos transformadores de apoio á modernización tecnolóxica das empresas da economía social mediante a creación de plataformas dixitais, a automatización de procesos e o uso de ferramentas tecnolóxicas co fin de mellorar o benestar da cidadanía, especialmente nas zonas rurais. Os proxectos de promoción de redes de cooperativas, sociedades laborais e outras fórmulas de economía social acompañada de medidas para ofrecer novos servizos integrais á sociedade; e proxectos de impulso das transicións sostibles e inclusivas de empresas da economía social e focalizada na atención de colectivos en situación de vulnerabilidade, tamén entran no catálogo de axudas desta segunda convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 12 de febreiro, tendo en conta que a contía mínima da subvención, por proxecto, non poderá ser inferior a 10.000 euros nin superar a cantidade de 3,5 millóns de euros. Por outra banda, a cantidade máxima de subvención terá como límite máximo 7,5 millóns de euros por entidade.

Voltar