Xosé Carlos Álvarez Villamarín é un dos socios fundadores de Algalia dende 1994. É membro tamén do actual Consello Reitor da entidade, aportando coñecemento e colaborando na súa organización, procesos de análise de xestión e política da entidade, planificación, reflexión estratéxica ..

1.- Para qué naceu Algalia?
É dífícil recoller as espectativas de todo tipo que por entón bulían nas nosas reflexión, entre elas:

  • Xerar unha iniciativa empresarial colectiva que dese “camiño de vida” a uns cantos amigos e alumnos cunha moi boa formación e grande talento e  capacidade de traballo que, por aquél entón, só vían oportunidades de traballo precario e pouco atractivo.
  • Unha iniciativa empresarial diferente, “con principios éticos” que velara pola súa xente (socias e traballadoras), ofrecendo condicións dignas para unha vida plena (estabilidade, retribución, condicións laborais, …) como elemento central e previo a calquera beneficio de empresa.
  • Unha iniciativa empresarial que se puxese a camiñar nun ámbito pouco coñecido ata ese momento: o da xestión, asesoramento e planificación económica, deseño de actividades, formación económico-empresarial, etc… a familias, empresas e entidades non lucrativas.

Queríamos ofrecer servizos de calidade dende unha perspectiva de valores civico-sociais, moi pouco presentes no tecido empresarial da época.  Calidade nos postos de traballo, calidade de servicio, e apoio ás iniciativas do “terceiro sector” que ían aparecendo.

Lembremos que pola época non existía toda a lexislación e financiación actual que asenta, protexe ou incentiva ó Sector Non Lucrativo e da Economía Social.  Fora do sector primario (agrícola e alimentario) as iniciativas máis sociais eran bastante illadas (moitas nos ámbitos de ordes relixiosas) e febles, con poucos recursos, con equipos directivos pouco formados … a nosa era unha aposta arriscada e nacía co forte compromiso de socixs externxs para asegurar tempo e calma para o seu nacemento e crecemento.

2.- Cales son os rasgos de identidade que permanecen en Algalia co paso do tempo?

 Sinceramente, creo que temos cumprido con moita profundidade os soños iniciais.  Se o teño que resumir en dúas palabras diría que os rasgos son cariño e calidade.  Calidade do traballo xerado, da formación das nosas profesionais, dos servicios que ofrecemos … Cariño na comprensión das inquedanzas da nosa xente, cariño cas nosas clientes, cos seus equipos, con servizos que fortalezan o progreso do Sector da Economía Social.

Por suposto, sempre se pode mellorar, pero creo que esta experiencia empresarial é un éxito colectivo moi pouco frecuente. Calquera que vexa hoxe a Algalia recoñecerá sen dificultade os elementos que marcou dende o comezo.

Logo de esforzos intensos, moitas horas, aprendizaxes complexas, momentos críticos difíciles e, sobre todo, grandes dosis de reflexión, sacrificio, comprensión e lealtade … creo que a realidade actual responde totalmente a aquela visión inicial.

Igual parece un chisco melosa a miña valoración pero a afirmo con convicción: hoxe en día Algalia ténse situado como unha referencia en Galicia (e xa algo coñecida en España) no mundo dos servizos de asesoramento e consultoría de organizacións e creo que, ademáis, é tamén unha entidade de referencia como “empresa con principios”.

Temos que ser moi conscientes da enorme dificultade que supón avanzar con esta filosofía no mundo empresarial, e especializarse nun sector tan particular non era un obxectivo sinxelo.  Os principios, a ética, a búsqueda da máis alta calidade … poden ser obxectivos aplaudidos por calquera, pero perseguilos ao mesmo tempo que asegurar postos de traballo, remuneracións dignas e proxectos de vida, foi un proceso extraordinario.

E esa travesía esixíu navegar con elevada intensidade e estrés (moitas veces excesiva), aprendizaxes sobre a marcha, renuncias persoais dxs nosxs responsables, …  Éses son elementos que doen, que debemos ter sempre presentes, e que eu querería agradecer cada día aos nosos equipos.

3.- Cal crees que é o futuro desta entidade?

Como xa me teñen escoitado as compañeiras socias, neste momento, cunha Algalia consolidada, me parece de gran importancia favorecer un proceso de transmisión do coñecemento a novos iuniors.  A nosa experiencia amosa que a formación “da casa” é un elemento clave nos mellores profesionais e, por iso, temos que avanzar na definición dun proceso organizado de formación interna nas distintas áreas que, xunto á complementaria formación externa, asegure ampliación e relevo do talento dos nosos equipos.

Con todo isto…. cál é o futuro? Pois SEGUIR mantendo e ampliando o conseguido: seguir dando soporte e servicio aos nosos clientes, seguir buscando a maior calidade no noso traballo, seguir defendendo que é posible unha “empresa con principios”, seguir ampliando os nosos equipos con novos profesionais de excelencia, …

Seguir, en fin, aportando valor á nosa sociedade.

Voltar