O incremento na esixencia das obrigas con derivación de traballos propios da Administración cara ao noso colectivo está a desbordar os servizos dos profesionais laborais. Os trámites aos que nos obriga a Administración Pública xeran tantas horas de dedicación como as consultas dos nosos propios clientes.
A continuación, enunciamos algunhas das queixas e reclamacións trasladadas polos colexios oficiais ás autoridades competentes, e das que nos facemos eco:
- A redución progresiva das canles de “atención ao cliente” das AAPP, non só aos profesionais laborais senón ás empresas e particulares.
- O deterioro do bo funcionamento da Administración, que constitucionalmente se esixe..
- As notificacións masivas derivadas de tantos cambios normativos e dixitalización en función do traballo do usuario do sistema.
- A aplicación continuada e inadecuada das numerosas normativas que entran en vigor.
- A acumulación de expedientes e atrasos que complican os procesos e provocan un prexuízo económico ás empresas.
- A publicación de normas de cotización extemporáneas e con erros que obriguen a duplicar traballos e xeren desconfianza cara aos profesionais.
- As campañas da Consellería de Traballo e Economía Social a través da Inspección que impidan a formulación de alegacións baixo ameaza de acto de infracción.
- A transgresión das normas de procedemento administrativo como, por exemplo, a xeración de débedas no sistema sen notificación previa, ou fase de instrución…
Todo isto está a provocar un prexuízo económico e un desánimo xeral entre os profesionais laborais, provocando abandono da profesión e danos irreparables para a saúde.
Por todo o exposto anteriormente, o Servizo Laboral de Algalia, S. Coop. Galega súmase á concentración do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra ante a Subdelegación do Goberno nesta localidade, o día 14 de xuño ás 12.00 horas.
Con este xesto amosamos o noso apoio ás reivindicacións que, dende 2020, os nosos Colexios Profesionais e Consello Xeral veñen realizando ante os Ministerios de Traballo e Economía Social e o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, e das que, ata a data, non houbo resposta.