Os días 3 e 4 de novembro, o Balneario de Caldaria Laias acolleu o segundo encontro do programa Virada TEAL, unha iniciativa transformadora que busca evolucionar a cultura organizativa das entidades de economía social en Galicia.
Nesta ocasión participaron a Asociación A Mariña, Alento e AGACA como Axentes de Cambio TEAL, compartindo aprendizaxes e experiencias nunha contorna de convivencia que favorece a colaboración e a reflexión.
Así foi a experiencia desde a visión da Asociación A Mariña.
PREME NA IMAXE para ver o vídeo
Promovido por Algalia S. Coop. Galega, co respaldo de CEPES e enmarcado no programa EFESO, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), Virada TEAL propón un itinerario de cambio baseado no paradigma TEAL: un modelo organizativo que impulsa a autogestión, a plenitude e o propósito evolutivo.
Entidades como Amipa, AGACA, EVD Galicia, Alento, Asociación Chamorro e Asociación A Mariña, con máis de 70 persoas implicadas neste proceso de transformación, sumáronse en 2025 a este percorrido, que se estenderá ata 2027, con fases de diagnóstico, deseño de plans de transformación e formación avanzada en liderado cultural.
Espérase que, nos próximos meses, novas entidades incorpórense ao Programa, ampliando a rede de colaboración que Virada TEAL está a tecer en Galicia e outras comunidades como Euskadi, Andalucía, Estremadura, Aragón e Cataluña.
Virada TEAL é moito máis que un programa formativo: é unha aposta por construír organizacións máis humanas, resilientes e aliñadas co seu propósito. Unha invitación para repensar como lideramos, como nos organizamos e como construímos futuro desde a economía social.
