A asociación Down Ourense e as súas case cen persoas usuarias xa contan con novo local, situado na Rúa Río Camba da cidade das termas. O edificio foi inaugurado o pasado 21 de marzo, con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down.
Sonia González, presidenta da entidade, salientou do novo local que será “un espazo onde a inclusión, as oportunidades e a autonomía serán os piares fundamentais sobre os que seguir construíndo un futuro mellor para todas as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”.
A inauguración, conducida por dúas persoas usuarias da entidade, comezou co corte da cinta inaugural, ao que lle seguiu a visita ás novas instalacións e as posteriores intervencións institucionais, principalmente do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, así como outros representantes das distintas administracións e da comunidade empresarial e educativa da cidade.
Para finalizar este acto, dous mozos con síndrome de Down da asociación Down Ourense alzaron a súa voz para dar lectura ao Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, co que quixeron reclamar unha sociedade máis inclusiva e poñer de manifesto a falta de oportunidades á que se enfronta o colectivo a diario.
“Se somos tan parecidos, por que costa tanto incluírnos? Por que non temos as mesmas oportunidades?”, dicían ben alto e ben claro Rubén Yáñez e Javier Agudo. “Un cromosoma extra non pode ser a escusa para privarnos dos nosos dereitos”.
Deste xeito, os mozos da asociación encargáronse de descartar mitos e prexuízos sobre a síndrome de Down, e reivindicaron unha vez máis os seus dereitos como cidadáns e cidadás de pleno dereito, incidindo na importancia da inclusión e da eliminación das barreiras existentes na contorna.
Fonte: Down Ourense