Un informe económico-financeiro, elaborado polos alumnos Luís López Rodríguez e Julia Otero Ageitos, de 4º curso do Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE) da USC, dentro do Proxecto Aprendizaxe – Servizo, reflicte un crecemento sostido, con incrementos significativos na facturación e a rendibilidade de Algalia nos dous últimos anos. Os datos achegados salientan a estabilidade e eficiencia operativa da entidade, pero tamén destacan oportunidades de mellora na xestión de recursos ociosos e a adopción de novas estratexias para aproveitar ao máximo o seu potencial.

O documento foi presentado o pasado 12 de marzo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, ante membros de EspazoCOOP e de todas as entidades que participaron no proxecto, desenvolto no primeiro cuadrimestre do curso 2024-2025. Esta actividade é froito dun acordo de colaboración entre EspazoCoop e o Centro de Estudos Cooperativos da USC para o fomento do cooperativismo.

A partir dunha reunión inicial, en outubro de 2024, con Celso Gándara, xerente de Algalia, na que coñeceron a evolución da cooperativa, a súa xestión e varios aspectos financeiros, os alumnos procederon a iniciar unha análise dos resultados económicos recentes, unha análise estratéxica mediante o modelo PESTEL, e á elaboración do informe final no que incluíron, ademais, recomendacións con estratexias para mellorar a eficiencia financeira e manter a súa posición na contorna da economía social, así como un apartado de conclusións, entre as que destacan, principalmente que:

  1. Algalia S. Coop. Galega é unha cooperativa de referencia no sector da economía social en Galicia e que, desde a súa fundación, demostrou unha enorme capacidade de adaptación, diversificación de servizos e crecemento estratéxico, traballando cun equipo profesional e unha sólida estrutura organizativa.
  2. Os seus datos económicos reflicten un crecemento sostido nos últimos anos, o que salienta a estabilidade e eficiencia operativa de Algalia, aínda que se observan áreas de mellora para aproveitar ao máximo o seu potencial.
  3. Algalia está ben posicionada para aproveitar tendencias sociais e económicas favorables, como o auxe da sustentabilidade e a economía colaborativa, pero deberá manterse atenta aos cambios tecnolóxicos, legais e ambientais para seguir sendo competitiva.
  4. Determinadas accións estratéxicas poden potenciar a súa visibilidade e achegar innovación nos seus servizos, o que reforzará o compromiso de Algalia cos valores da economía social e a súa misión de mellorar a xestión neste sector.

Finalmente, para a USC e o equipo que formou parte de leste Proxecto- Aprendizaxe, este informe final non só constituirá unha ferramenta de diagnóstico e planificación para Algalia, senón que tamén enriquece o seu posicionamento estratéxico e fortalece o seu vínculo coa comunidade académica e social.

Voltar