LIBRE ADHESIÓN
ALGALIA S. COOP. GALEGA declárase aberta a todas as persoas que de forma voluntaria acepten estes Principios Cooperativos; compartan e se identifiquen cos seus valores; acrediten idoneidade profesional para os postos de traballo que puidesen existir e acepten e se comprometan coas responsabilidade de ser socias.
Para a adscrición á cooperativa non existirá discriminación algunha por motivos relixiosos, políticos, étnicos, ou de sexo. Soamente será esixible o respecto aos postulados da súa constitución interna.
ORGANIZACIÓN DEMOCRÁTICA
ALGALIA S. COOP. GALEGA proclama a igualdade básica das socias traballadoras no que respecta aos seus dereitos a ser, posuír e coñecer, o que implica a aceptación dunha organización democrática da empresa, concretada en:
- A soberanía da Asemblea Xeral, composta pola totalidade da socias, que se exercita segundo a práctica de “unha persoa, un voto”.
- A elección democrática dos órganos de goberno, e en concreto do Consello Reitor, responsable da súa xestión ante a Asemblea Xeral. O Consello Reitor representa á Cooperativa e a súa actuación, orientada polo proxecto compartido aprobado pola Asemblea, estará dirixida a compaxinar o interese xeral da Cooperativa co particular das súas socias.
- A colaboración cos órganos directivos designados para xestionar a sociedade por delegación de toda a comunidade, que gozarán das atribucións suficientes para desenvolver eficazmente a súa función en beneficio común.
ALGALIA S. COOP. GALEGA é unha organización democrática controlada polos seus membros, quen participan activamente na definición das súas políticas e na toma de decisións.
As persoas elixidas para representar á Cooperativa responden antes os membros.
Si entra en acordo con outras organizacións (incluíndo gobernos) ou ten capital de fontes externas, realízao en termos que aseguren o control democrático por parte dos seus membros e manteña a autonomía da Cooperativa.
SOBERANÍA DO TRABALLO
ALGALIA S. COOP. GALEGA considera que o Traballo é o principal factor transformador da natureza, da sociedade e do propio ser humano e, por conseguinte:
- Renuncia á contratación sistemática dos traballadores asalariados.
- Adxudica ao Traballo plena soberanía na organización da empresa cooperativa.
- Considera ao Traballo acredor esencial na distribución da riqueza producida.
- Manifesta a súa vontade de ampliar as opcións de traballo a todos os membros da sociedade.
CARÁCTER INSTRUMENTAL E SUBORDINADO DO CAPITAL
ALGALIA S. COOP. GALEGA considera ao factor Capital como un instrumento, subordinado ao Traballo, necesario para o desenvolvemento empresarial e acredor por tanto:
- A unha remuneración:
- Xusta, en relación cos esforzos que implica o seu aforro.
- Adecuada, para propiciar a adscrición dos recursos necesarios.
- Limitada na súa contía, mediante a correspondente regulación.
- Non directamente vinculada aos Resultados obtidos.
- A unha dispoñibilidade subordinada á continuidade e desenvolvemento da Cooperativa, que non impida unha real aplicación do principio de libre adhesión.
PARTICIPACIÓN NA XESTIÓN
ALGALIA S. COOP. GALEGA estima que o carácter democrático da Cooperativa non se esgota na súa vertente societaria, senón que implica un desenvolvemento progresivo da autoxestión e consecuentemente da participación da socias no ámbito da xestión empresarial, o que, á súa vez, require:
- O desenvolvemento dos mecanismos e canles de participación adecuados.
- A transparencia informativa en relación coa evolución das variables básicas da xestión da Cooperativa.
- A práctica de métodos de consulta e negociación coas socias traballadoras nas decisións económicas, organizativas e laborais que lles concirnan ou afecten.
- A aplicación sistemática de plans de formación social e profesional da socias.
- O establecemento da promoción interna como vía básica para a cobertura dos postos con maior responsabilidade profesional.
SOLIDARIDADE RETRIBUTIVA
ALGALIA S. COOP. GALEGA proclama a retribución suficiente e solidaria como un principio básico da súa xestión, expresada nos termos de:
- Suficiente, acorde coas posibilidades reais da Cooperativa.
- Solidaria, nos seguintes ámbitos concretos:
- Interno. Materializado, entre outros aspectos, na existencia dun intervalo solidario de retribucións ao traballo.
- Externo. Materializado no criterio de que a remuneración media interna sexa equivalente á das traballadoras asalariadas do seu sector profesional, salvo manifesta insuficiencia da política salarial no mesmo.
INTERCOOPERACIÓN
ALGALIA S. COOP. GALEGA considera que, como aplicación concreta de solidariedade e requisito de eficacia empresarial, o principio de Intercooperación debe manifestarse:
- Na contribución á colaboración entre cooperativas que buscan sinerxías para desenvolver os seus proxectos e fortalecer os seus negocios.
- Na contribución ao desenvolvemento do cooperativismo galego, co fin de potenciar a Economía Social en Galicia.
- Na contribución con outros movementos cooperativos do Estado, Europeos e do resto do mundo, realizando acordos e establecendo órganos conxuntos dirixidos a propiciar o desenvolvemento común.
TRANSFORMACIÓN SOCIAL
ALGALIA S. COOP. GALEGA manifesta a súa vontade de transformación social solidaria coa doutros pobos, a través da súa actuación en Galicia nun proceso de expansión que colabore á súa construción económica e social e á edificación dunha sociedade galega máis libre, xusta e solidaria, mediante:
- Unha política de Protección Social das súas socias e traballadoras coherente co sistema cooperativo, baseado na solidariedade e responsabilidade.
- O apoio a iniciativas de desenvolvemento comunitario, mediante a aplicación do Fondo de Formación e Promoción
- A cooperación con outras institucións galegas de carácter económico e social, especialmente as promovidas por axentes da economía social.
- A colaboración na revitalización do Galego e, en xeral, dos elementos característicos da cultura Galega.
- A reinversión para a creación de postos de traballo cooperativos.
CARÁCTER UNIVERSAL
ALGALIA S. COOP. GALEGA, como expresión da súa vocación universal, proclama a súa solidariedade con todas as que traballan pola democracia económica no ámbito da “Economía Social”, facendo seus os obxectivos de Paz, Xustiza e Desenvolvemento, propios do Cooperativismo Internacional.
EDUCACIÓN E FORMACIÓN
ALGALIA S. COOP. GALEGA manifesta que para promover a implantación dos anteriores Principios é fundamental a dedicación de suficientes recursos persoais e económicos á Educación, nas súas diversas vertentes:
- Cooperativa, do conxunto das socias e en especial das elixidas para os órganos sociais.
- Profesional, en especial das socias designadas polos órganos directivos.
- En xeral, da mocidade, propiciando o xurdimento de persoas cooperadoras, capaces de consolidar e desenvolver experiencias cooperativas no futuro.