Licenciada en Dereito, Begoña Suárez é xerente da Asociación AMIPA desde 2009 e colaboradora de ALGALIA como coach en VIRADA desde 2018. O Programa Virada constitúe o programa de formación e acompañamento creado por Algalia en colaboración con outras entidades, para persoas, equipos e organizacións, fai xa sete anos.

Begoña Suárez desenvolveu o seu labor profesional na administración local e como formadora en diversos cursos relacionados co ámbito xurídico e social, na administración local e en entidades non lucrativas, onde promoveu e promove diferentes programas de desenvolvemento sobre xénero e diversidade

1.- Unha longa traxectoria profesional dedicada a mellorar a vida das persoas, que este mes foi recoñecida co Premio Rumorosa 2024 concedido polo Concello de Padrón. Que supón para ti este recoñecemento??

Este recoñecemento supón para min visibilizar, xunto a outras mulleres inspiradoras e referentes, un labor profesional de máis de 15 anos, traballando con, por e para persoas vulnerables na Asociación AMIPA, en especial, mulleres con discapacidade, ás que nos une o desexo de ocupar o noso lugar no mundo, sen ter que pedir permiso. Así mesmo, tamén supón poñer en valor o feminino, nun sector de acción social feminizado, vinculado aos coidados.

E por último, poder celebrar que é posible crear espazos de cambio social liderados por mulleres en contornas rurais, profesionalizados, humanizados, de calidade e sostibles (sen criterios puramente economicistas).

 2.- Cales son os retos aos que se enfrontan, hoxe en día, os colectivos máis vulnerables e como podemos apoialos desde as nosas entidades?

Desde o meu punto de vista o maior reto é o ser vistas e escoitadas, e poder exercer a súa cidadanía de pleno dereito en contextos que lles seguen obrigando a esperar, sine die, a ser recoñecidas e incluídas nun mundo que xa lles pertence… A imaxe que me evoca esta situación é a de persoas que teñen que estar en lista de espera toda a súa vida…

Desde as nosas entidades de acción social podemos apoialas só desde modelos de acompañamento construídos coas persoas consideradas vulnerables. Tendo como referente a Ester Ortega (Construír Cidadanía desde o cotián e Fundación Inclusión e Apoio Aprocor), xerando espazos compartidos de inspiración mutua e acompañando ás persoas preguntándonos para que, como e desde que estado interno facémolo, co-creando, entre todas, cambios e levando a cabo propostas concretas que permitan o bo vivir de cada persoa. Todo iso “para crear unha sociedade inclusiva, baseada en dereitos, apoiada por comunidades locais onde as persoas coidámonos mutuamente e coidamos da contorna”.

E desde entidades en transformación, en contornas tan incertas e cambiantes como os actuais, que evolucionen cara a unha novo paradigma que lles permita enfrontar novos retos, a través dunha cultura organizativa renovada como é o paradigma TEAL, baseado en tres principios: propósito evolutivo, equipos autoxestionados e plenitude ou benestar dos seus integrantes.

3.- Formas parte do Programa Virada practicamente desde os seus inicios, e este ano xa cumpre sete anos, que supón acompañar a profesionais e equipos da economía social no desenvolvemento dun liderado máis efectivo?

Formo parte do equipo do Programa Virada de Algalia desde o ano 2018, despois de participar nun itinerario formativo dun ano en Euskadi, que comezou co programa de liderado de EDE Fundazioa, BIDERA (homónimo de VIRADA en Galicia) e que culminou cun Máster de Coaching de persoas e Equipos na Mondragon Unibertsitatea.

Poder acompañar a profesionais e equipos da economía social no desenvolvemento dun liderado máis efectivo supón unha oportunidade de relación e aprendizaxe mutua única, con persoas e equipos de diferentes organizacións (asociacións, fundacións, cooperativas…) que ano tras ano confían na proposta de VIRADA para procesos de transformación das súas organizacións.

É un auténtico luxo poder contribuír a procesos de cambio persoais e organizacionais nun equipo VIRADA de nove profesionais, diverso e complementario, cunha ampla experiencia en acompañamento e en continuo proceso de formación, aprendizaxe e evolución.

Voltar