- Por que decidiu Algalia implantar Odoo como ferramenta de xestión integral e que necesidades internas buscaba resolver con este cambio?
A decisión parte dunha necesidade bastante clara: integrar e simplificar a nosa forma de xestionar a organización. Co tempo fomos incorporando diferentes aplicacións para responder a necesidades concretas —facturación, contabilidade, xestión interna, relación con clientes…— e iso xerou unha certa dispersión da información e procesos que non sempre están suficientemente conectados entre si.
Con Odoo queremos avanzar cara a unha contorna única no que poidamos integrar progresivamente ámbitos como a contabilidade, a facturación, a xestión de proxectos, a relación con clientes, a xestión de persoas e o portal de cliente. O obxectivo non é simplemente substituír unhas aplicacións por outra, senón revisar os nosos procesos e construír un modelo de xestión máis integrado, eficiente e sostible a longo prazo.
Tamén valoramos especialmente que Odoo sexa unha solución de código aberto e cunha gran capacidade de adaptación e integración. Ofrécenos unha base sobre a que seguir evolucionando, incorporar automatizacións e aproveitar progresivamente as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial, sempre coas garantías necesarias en materia de seguridade e protección de datos.
- Todo cambio de ferramenta implica tamén un proceso de adaptación. Como está a vivir o equipo de Algalia esta transformación e que novas formas de traballar está a abrir Odoo? Que procesos se simplificaron, conectado ou mellorado?
Estamos a abordar a implantación como un proxecto de transformación organizativa, non unicamente tecnolóxico. Cambiar unha ferramenta obriga a revisar como facemos as cousas, que información necesitamos, onde se producen duplicidades e que tarefas poderían simplificarse ou automatizarse.
Por iso, a participación dos equipos é unha parte importante do proceso. Estamos a aproveitar a implantación para analizar procedementos e expornos como podemos traballar dunha forma máis coordinada. Ademais, facelo xunto con Som IT Cooperatiu permítenos combinar o coñecemento que temos en Algalia sobre os nosos propios procesos coa súa experiencia tecnolóxica e de traballo con organizacións da economía social.
Un dos principais cambios que esperamos é que a información poida fluír mellor entre os diferentes procesos e áreas. Por exemplo, que a información relacionada cun cliente, un proxecto, a súa facturación ou o seguimento da relación comercial non estea distribuída entre distintas aplicacións e fontes de información, senón que poida estar conectada dentro dunha mesma contorna.
Isto abre tamén moitas posibilidades de automatización. Hai tarefas administrativas e repetitivas que hoxe requiren intervención manual e que progresivamente poderemos simplificar. Para nós, a automatización ten sentido precisamente aí: reducir tarefas de pouco valor engadido para que as persoas poidamos dedicar máis tempo ao acompañamento, á análise e ao traballo que realmente achega valor aos nosos clientes.
A implantación será gradual. Nunha primeira fase abordaremos o portal de cliente, a contabilidade e a facturación, e posteriormente incorporaremos a xestión de proxectos, o CRM e a xestión de persoas. Isto permitiranos ir aprendendo e adaptando a organización a medida que avanzamos.
- Algalia traballa con entidades da economía social e o terceiro sector. Que valor ten para Algalia contar cunha ferramenta de xestión integral e como cre que esta transformación pode repercutir no servizo que ofrece ás súas entidades clientes?
Para Algalia, a tecnoloxía é unha ferramenta ao servizo do noso propósito e das organizacións coas que traballamos. Mellorar a nosa xestión interna debería permitirnos tamén prestar un mellor servizo ás nosas entidades clientes.
Dispoñer de información máis integrada pode axudarnos a ter unha visión máis completa de cada cliente, mellorar a coordinación entre os distintos servizos de Algalia e facilitar o seguimento dos proxectos e das relacións que mantemos coas entidades.
Pero probablemente o impacto máis relevante estea en como utilizamos o noso tempo. Se conseguimos automatizar tarefas repetitivas, reducir duplicidades e diminuír determinados traballos manuais, poderemos dedicar máis recursos a aquilo no que cremos que Algalia achega un valor diferencial: comprender as necesidades das organizacións, acompañalas nos seus procesos e ofrecer respostas especializadas e adaptadas á realidade da economía social e do terceiro sector.
Ademais, hai unha dimensión que para nós é especialmente importante: realizar esta transformación tecnolóxica de xeito coherente cos nosos valores. Por iso eliximos desenvolver o proxecto xunto con Som IT Cooperatiu, unha organización vinculada á economía social. Non buscamos unicamente unha solución tecnolóxica, buscamos tamén construír unha forma de dixitalización baseada na colaboración, a intercooperación e un uso responsable da tecnoloxía.
En definitiva, entendemos a implantación de Odoo como unha oportunidade para ser unha organización máis integrada e eficiente, pero tamén para reforzar a calidade e o valor do acompañamento que ofrecemos ás nosas entidades clientes.
Romina Dios é responsable de Control de Negocio de Algalia.
