A sustentabilidade financeira converteuse na principal preocupación do Terceiro Sector de Acción Social en Galicia. Así o reflicte outra das conclusións do estudo “Perspectivas do Terceiro Sector de Acción Social en Galicia”, elaborado por Algalia en colaboración coa Universidade de Vigo realizado en 2025 entre máis dun centenar de entidades, que identifica a estabilidade económica como o factor máis determinante para o presente e o futuro das organizacións sociais.

A análise mostra unha gran diversidade orzamentaria. Mentres unha parte relevante de entidades supera o millón de euros anuais, outras operan con recursos moito máis limitados. Esta disparidade condiciona a capacidade de planificación, investimento e innovación, e marca diferenzas significativas en resiliencia organizativa.

O informe sinala que a dependencia de financiamento público continúa sendo elevada, o que xera vulnerabilidade ante cambios en convocatorias, atrasos administrativos ou modificacións normativas. A iso súmase o incremento de custos operativos, que afecta especialmente a entidades con estruturas pequenas ou con servizos intensivos en persoal.

As prioridades estratéxicas varían segundo o tamaño organizativo. As entidades pequenas centran os seus esforzos en garantir a súa supervivencia inmediata e asegurar ingresos estables. As medianas buscan consolidar a súa estrutura, mellorar procesos e diversificar financiamento. As grandes, en cambio, enfróntanse ao desafío de atraer talento, innovar e adaptarse a contextos cambiantes.

O estudo conclúe que esta diversidade esixe políticas públicas diferenciadas que teñan en conta as particularidades de cada segmento do sector. Medidas de apoio homoxéneas poden resultar insuficientes ou ineficaces se non se axustan á realidade organizativa das entidades.

Para os autores, avanzar cara a modelos financeiros máis estables, previsibles e diversificados será clave para garantir a continuidade do impacto social do sector. Sen unha base económica sólida, advirten, a capacidade das organizacións para responder a novas necesidades sociais podería verse seriamente limitada.

Voltar