O liderado efectivo non é algo co que nacemos, é unha habilidade que imos desenvolvendo. Aprendín que nas entidades da economía social e en particular do terceiro sector, onde o compromiso coa comunidade é clave, ser un bo líder implica, ante todo, saber escoitar. E cando digo escoitar, refírome a unha escoita real, profunda, desas que nos fan deternos e entender o que as persoas ao noso ao redor realmente necesitan e senten.

A Escoita como Clave do Liderado

Lembro a última vez na que, quizá froito da miña ansiedade, apresureime a tomar unha decisión sen escoitar ao meu equipo. Pensei que o sabía todo, que coa miña experiencia bastaba. O resultado? Frustración e desconfianza no equipo. Cando finalmente senteime a escoitar, deime conta de que as súas ideas non só eran valiosas, senón que tamén solucionaban problemas que eu nin sequera vira. Frederic Laloux fala sobre isto en “Reinventar as Organizacións”: os líderes que escoitan crean espazos de colaboración e confianza. Escóitaa activa non é só escoitar palabras, senón captar a mensaxe detrás delas, as emocións e as preocupacións.

Como Saber se Estamos a Escoitar?

Para mellorar a miña capacidade de escoitar, empecei a facerme preguntas: Estou realmente prestando atención ou estou a pensar no que vou responder? Deixo que a outra persoa termine antes de falar eu? Estou aberto a entender o seu punto de vista, ou estou a xulgar? Estas preguntas axúdanme a ser máis consciente e a mellorar cada día. Rafael Echeverría, no seu enfoque de coaching ontolóxico, ensinoume que o liderado empeza co autocoñecemento. Recoñecer as miñas propias limitacións e traballar nelas foi fundamental para ser un mellor líder.

Os Desafíos de Non Escoitar

Patrick Lencioni advírtenos sobre as disfuncións dun equipo, moitas das cales xorden cando non hai escoita. Vin isto de preto: equipos que non confían porque senten que as súas voces non importan, ou que evitan o conflito porque cren que non serán escoitados. Un exemplo sinxelo que vivín é cando un líder non escoita as preocupacións sobre un novo reto. O equipo séntese ignorado, e o resultado é confusión e resistencia.

Podemos Liderar sen Escoitar?

Sinceramente, non. Aprendín que un líder que non escoita é como un capitán que non presta atención ao seu compás. Non se trata só de ocupar un posto, senón de ser alguén que inspira e guía. Sen escoitar, as decisións tómanse no baleiro, e o equipo desconéctase. Na economía social, onde traballamos directamente con comunidades, escoitar é vital para entender e responder ás verdadeiras necesidades.

Vin como escoitar transforma organizacións. Cando os líderes escoitamos, creamos unha contorna onde as persoas senten valoradas e motivadas. Isto, á súa vez, xera un impacto social positivo. Temos a oportunidade de liderar co corazón e a mente. E todo empeza por escoitar.

O liderado é unha aprendizaxe continua, e a escoita é a nosa ferramenta máis poderosa para transformar non só as nosas organizacións, senón tamén as vidas das persoas coas que traballamos.

Miguel Ángel Barbosa Rodríguez, Socio-Responsable Consultoría Algalia

 

 

Voltar