Laura Ramírez é directora técnica en Alento, Asociación de Dano Cerebral, ademais de responsable e formadora da Escola DCA na mesma entidade. En 2024 incorporouse ao equipo de VIRADA como coach.

Psicóloga H. Sanitaria e sexóloga de formación, cursou o Máster en Coaching de persoas e equipos da Mondragon Unibersitatea e está acreditada como Facilitadora de Mindfulness pola International Practitioners of Holistic Medicine (IPHM).

1.- Cal é a función do coach no Programa VIRADA?

O coach en VIRADA acompaña e apoia ás persoas para descubrirse, a enfrontarse a diferentes situacións identificando as súas fortalezas persoais. Busca detectar e disolver os obstáculos que impiden ás persoas abrirse novos camiños. É unha testemuña que facilita o desenvolvemento e a transformación persoal sempre dirixida cara a unha meta.

2.- Que estratexias psicolóxicas poden mellorar a comunicación entre os membros do equipo e axudar a construír un ambiente de traballo positivo e produtivo?

Existen moitos tipos de comunicación, de feito, co silencio tamén estamos a comunicar, pero as mellores estratexias van dirixidas á Comunicación Efectiva.  Mellorar as habilidades comunicativas é esencial para o éxito nas relacións interpersoais, e iso conleva incorporar estratexias como:

  • Coñecer o observador que é o outro: o termo que comunmente se utiliza é “a empatía”, pero isto vai máis aló. Incorpora unha escoita efectiva, que non só activa, xa que implica prestar atención completa ao que a outra persoa está a dicir, e indagar para clarificar e reflectir os seus sentimentos, e comprender a vida desde a mirada da outra persoa. A maioría dos problemas que enfrontamos na comunicación xorden do feito de que as persoas non se dan conta de que escoitamos desde a nosa historia social e persoal, interpretamos de acordo a como somos, e non desde o outro.
  • A conciencia da comunicación non verbal, xoga un papel significativo na forma en que nos percibimos mutuamente. Esta estratexia ensínanos a prestar atención aos xestos, expresións faciais, posturas e tons de voz. Aliñar a comunicación verbal e non verbal é esencial para transmitir a mensaxe de maneira efectiva.
  • A xestión e regulación de emocións e estados de ánimo, tan presentes na nosa vida e que, non ben xestionada pode levarnos a unha comunicación inefectiva.
  • A claridade na comunicación, o como emitimos as mensaxes, se somos capaces de facernos entender, o comprobar que palabras utilizamos para dicir o que queremos dicir, sen danar ao outro e asegurarnos a través de preguntas, de se se comprendeu a mensaxe.
  • Desenvolver a intelixencia emocional contribúe a unha comunicación máis profunda e significativa e prepara ás persoas para entender mellor a súa vida interna (coñecerme), para pasar despois a desenvolver a intelixencia social (coñecerme e coñecerte)

 3.- Que papel xogan as emocións e as actitudes individuais no funcionamento colectivo dun equipo?

Tradicionalmente, o tema das emocións foi tratado con dificultade xa que unicamente dábaselle peso ao desempeño das tarefas e aos resultados. Pero demostrouse que, a atención e coidado tanto das emocións como dos estados de ánimo son cruciais para que un equipo sexa funcional, tanto na tarefa que leva a cabo como nas relacións entre os distintos membros.

Atender e coidar o plano emocional nos equipos compatibilizándoo co desenvolvemento das tarefas sería unha das materias que catalogaría como obrigatoria na formación de liderado e traballo cos equipos.

O maior inimigo nun equipo é que se dean emocións que limiten as relacións e o desenvolvemento dun equipo. Por iso é importante crear eses espazos no que se fale de como sentimos e que é o que provoca que sintamos así. Só sacándoo á luz e abordándoo, poderemos previr que se dean emocións como o resentimento ou a resignación, emocións disfuncionais nos equipos.

4.- Como se pode desenvolver o liderado positivo dentro dun equipo?

Se partimos de que un equipo disfuncional pode presentar falta de confianza, medo ao conflito, falta de compromiso, evasión de rendición de contas e falta de atención aos resultados, trataríase de poñer o foco neses cinco piares que, abordados dun modo efectivo, pode xerar dinámicas construtivas e un liderado positivo dentro dun equipo.

O respecto, a confianza, o compromiso, a responsabilidade e os resultados son, por tanto, factores nos que un líder ha de atender para que estean sempre presentes no equipo.

Estando presentes eses piares, será máis fácil desenvolver a intelixencia do sistema relacional, que se centra na relación que existe entre as persoas nese equipo/entidade/organización e permite aos líderes e equipos aproveitar o verdadeiro potencial da intelixencia colectiva e a capacidade creativa das persoas.

 5.- Que beneficios achega un programa como VIRADA aos equipos e profesionais das entidades de economía social?

VIRADA é un programa “máxico” e “moi especial”, que permite crear un espazo de aprendizaxe continua, desenvolvemento e transformación persoal. Para min foi e é unha chamada a unha porta cara ao teu interior, que facilita que adquiras coñecementos para entender como funcionamos as persoas, os equipos, e achégache ferramentas moi útiles para aplicalas a nivel persoal e profesional.

Na vida estamos a relacionarnos continuamente, e o programa VIRADA móstrache como podemos mirar de distintas maneiras as relacións, cunha mesma e co resto. É como pasar dunha visión túnel a unha visión de 360º, unha mirada que favorece a abordaxe de calquera tipo de dificultade tanto nas relacións como no desempeño das tarefas.

O programa VIRADA incorpora no liderado algo tan básico e esencial como é a Humanización, entender e coñecer a quen teño en fronte e, non nos esquezamos, comprender e ter compaixón coa persoa que somos.

Voltar