Este paso representa para min un novo reto dentro dun proxecto no que levo implicado xa 18 anos. É, dalgún xeito, unha evolución nun camiño compartido durante este tempo.
Por que dar este paso? En primeiro lugar, porque dende a propia Cooperativa —asumindo probablemente tanto os principios cooperativos como os temores que acompañan as modificacións nos sistemas consolidados — se abriu esta posibilidade a parte do equipo, e agardo que moi pronto poida facerse extensiva a todas as persoas que forman parte do proxecto. En segundo lugar, porque o modelo cooperativo, malia as dificultades que pode implicar en termos de toma de decisións ou de xestión dos desacordos, é un modelo empresarial con vocación social polo que considero que paga a pena apostar. E, en terceiro lugar, porque, mesmo nas etapas máis complexas, en Algalia vívese e trabállase ben.
Se hai algo que realmente mudou é a miña perspectiva da responsabilidade dentro de Algalia. Ata agora centrábase principalmente no meu ámbito de actuación; a partir deste momento amplíase ao conxunto da organización e ás persoas que a integran. Asumo esta nova etapa coa conciencia de que teño unha maior capacidade de contribuír ás decisións e ao rumbo do proxecto común, o que xera tamén un inevitable —e saudable— respecto. É ilusionante saber que podo influír máis, aínda que iso implique que máis cousas dependan tamén das miñas decisións.
En todo caso, esta evolución non supón ningún cambio no meu compromiso coa empresa, cos compañeiros de traballo, nin, por suposto, cos nosos clientes. A miña dedicación, dispoñibilidade e nivel de esixencia continúan sendo os mesmos. En todo aquilo no que decido implicarme procuro dar sempre o máximo, independentemente do resultado final.
Javier Leis, asesor económico. Santiago de Compostela
Área Asesoría de Algalia, Servizos para a Economía Social