Non estamos de broma: volveu a exención de presentación do Imposto sobre Sociedades para ONLs pero para as máis pequenas tres meses despois de desaparecer.
No boletín de noticias de Algalia do mes pasado comunicabamos a desaparición da exención de presentación para todas as ONLs derivada da aprobación da nova Lei do Imposto sobre Sociedades (Lei 27/2014, do 27 de novembro) que non incluía ningunha exención da obriga de declaración para as entidades sen fins lucrativos pequenas, é máis, existía unha referencia explícita á obriga de declarar “a totalidade das súas rendas, exentas e non exentas”.
Tamén comunicabamos na devandita noticia que o balbordo no sector se estaba a canalizar xa nunha proposta de modificación desta norma para volver ao sistema de exención anterior.
Pois, xa podemos comunicar o sector, para o seu coñecemento que, tan só tres meses despois da súa aprobación inicial, se modificou este punto no sentido desexado polo sector pero cun inconveniente respecto ao modelo anterior.
No Real Decreto-lei 1/2015, do 27 de febreiro, de mecanismo de segunda oportunidade, redución de carga financeira e outras medidas de orde social, publicado o pasado sábado 28 de febreiro de 2015, inclúese no seu artigo 7 a modificación do apartado 3 do artigo 124 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do Imposto sobre Sociedades quedando como segue:
“3. Os contribuíntes a que se refiren os apartados 2, 3 e 4 do artigo 9 desta Lei estarán obrigados a declarar a totalidade das súas rendas, exentas e non exentas.
Non obstante, os contribuíntes a que se refire o apartado 3 do artigo 9 desta Lei non terán obriga de presentar declaración cando cumpran os seguintes requisitos:
- Que os seus ingresos totais non superen 50.000 euros anuais.
- Que os ingresos correspondentes a rendas non exentas non superen 2.000 euros anuais.
- Que todas as rendas non exentas que obteñan estean sometidas a retención. “
Este texto é similar ao que existía na anterior normativa fiscal do imposto pero co inconveniente de que o límite do punto 1 antes era de 100.000 euros anuais e agora baixa á metade co que haberá moitas entidades que antes non entraban na obriga de declarar e agora si entrarán.
Pois así parece que queda a cousa. O que si é evidente é que con medidas como esta e outras -declaración de subvencións por parte das administracións, implantación ampliada da presentación do modelo 347, etc – a administración quere que máis entidades cumpran obrigas contables e fiscais. Outro debate interesante é se neste xogo paga a pena entrar de xeito voluntario para gañar en capacidade de xestión e en transparencia coa sociedade.
Jorge Rodríguez
Socio responsable do área de Asesoría de Algalia