A banca ética xurde como alternativa á banca tradicional, co obxectivo de dar un novo enfoque ás prácticas e os servizos que se prestan dende as entidades financeiras baseadas nos seus beneficios para a sociedade.

A aparición deste novo enfoque débese a unha maior concienciación dos aforradores e investidores que defenden un sistema financeiro responsable, transparente e que, sobre todo, responda ás necesidades do desenvolvemento humano e social.

Para a asociación FETS (Financiamento Ético e Solidario) estes son os 5 principios que se poden situar na base das finanzas éticas:

  • Transparencia: os aforradores e investidores teñen dereito a saber cara a onde vai o seu diñeiro e en que se inviste. Ademais, é fundamental que haxa claridade na relación que os une coa entidade financeira correspondente.
  • Utilidade social: os proxectos avalados polas corporacións deben orientarse a temas como a creación de emprego, as axudas ao investimento social e laboral ou a redución da desigualdade, entre outros.
  • Apoio e negociación: as entidades non se centrarán só na recuperación dos fondos prestados; farán todo o posible para negociar e axudar aos seus clientes.
  • Viabilidade: as corporacións que apoien as directrices da banca ética non aprobarán proxectos inviables que poñan en risco o capital das persoas ou prexudiquen os ambientes onde se implantarán.
  • Responsabilidade: por unha banda, a banca ética avaliará a responsabilidade do investidor; por outra, estudará cada unha das súas decisións, tomando sempre como referencia o desenvolvemento humano e social.

Coop57 é unha cooperativa de servizos financeiros onde os nosos aforros serven para financiar proxectos cooperativos, únicos, necesarios e transformadores.

ALGALIA Servicios para la economía social é socia de Coop57 para traballar en rede e facer posibles centos de proxectos transformadores como o seu. Tras meses de incertidume sanitaria, económica e social, Coop57 precisa dar un impulso á súa actividade, e atopar máis socias como Algalia, e máis recursos, para continuar fortalecendo xuntas a economía social e solidaria.

Dende novembro, e ate o vindeiro 9 de decembro,  Coop57 pon en marcha a campaña #SumaCoop57,  co obxectivo de equilibrar o crecemento dos recursos económicos. Queren que as persoas e entidades que xa son socias, aumenten na medida do posible os seus aforros con Coop57 e, tamén, que máis xente vincule os seus aforros ás finanzas éticas e á transformación social.

🤝 ¿Súmaste á transformación social? Podes atopar máis información sobre esta campaña en Suma.coop57

 

Voltar