CIRIEC-España, coa colaboración do Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) da Universidade de Santiago de Compostela (USC)- que este ano celebra o seu 20 aniversario-, presentou o pasado 20 de outubro, en Santiago de Compostela, Capital Española da Economía Social 2022, os últimos datos dispoñibles sobre a economía social, recollidos no informe “A Economía Social en España en cifras”, e o novo Portal estatístico da Economía Social CIRIECSTAT.

O informe sobre “A Economía Social en España en cifras” foi dirixido polos profesores Rafael Chaves, José Luis Monzón e José Galán, que coordinaron un grupo de máis de 40 expertos de institutos e centros de investigación en Economía Social de 16 universidades. O estudo presenta o perfil estatístico da totalidade do conxunto da Economía Social, tal e como esta é definida na Lei 5/2011 de Economía Social.

Segundo os datos obtidos, a Economía Social constitúena en España un total de 47.511 empresas e 37.183 entidades sen fins de lucro de acción social e fundacións. Todas elas empregan de forma directa a 1,35 millóns de persoas.

O emprego da Economía Social en España representa o 6,75% da ocupación total; o 8% das persoas asalariadas e o 9,91% das persoas asalariadas do sector privado. Así mesmo, segundo os datos achegados na presentación, o importe neto da cifra de negocio de toda a economía social española equivale ao 8,47% do PIB.

En Galicia, segundo os datos de CIRIEC-España recollidos no Informe e no CIRIECSTAT, existen 1.769 empresas de economía social, que empregan a 15.151 persoas. A súa cifra de negocio ascende a 2.570 millóns de euros. A fórmula xurídica máis numerosa é a das sociedades cooperativas, que en Galicia son 1.161, seguido das sociedades laborais (467) e os centros especiais de emprego (141).

 

Datos e estatísticas para aumentar a visibilidade da economía social

Pola súa banda, a presentación do Portal Estatístico CIRIECSTAT estivo a cargo de José Luis Monzón e Ángel Soler, presidente e director, respectivamente, do CIRIECSTAT. Segundo as súas palabras, o lanzamento do CIRIECSTAT responde a unha das demandas do Plan de Acción Europeo da Economía Social, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2021, e que establece como un dos seus obxectivos crave aumentar a visibilidade da economía social mediante a recompilación de datos e estatísticas adecuados.

Neste contexto, CIRIECSTAT é un proxecto que nace en 2022 e que vai ir crecendo para, en palabras do profesor Monzón “implantar un sistema de recompilación e produción de estatísticas da Economía Social que agrupe, depure e publique nun portal único, de forma permanente e continuada, e con criterios metodolóxicos da contabilidade nacional, homoxéneos e comparables, as diferentes estatísticas da Economía Social en España.”

Voltar