Sabías que tres de cada cen asociacións que conseguiron a utilidade pública en España nos últimos quince anos fixérono co apoio de Algalia?
Sabías que das 66.011 asociacións censadas no Rexistro Nacional de Asociacións, unhas 2.700 dispoñen da declaración de utilidade pública ó final de 2023?
A declaración de utilidade pública (DUP) é o acceso das asociacións ó réxime fiscal especial do Mecenado. Trátase dun procedemento administrativo que pode ser solicitado por calquera asociación ante o Rexistro de Asociación no que estea inscrito e que será resolto, ou ben pola Comunidade Autónoma, nos casos que teñan as competencias transferidas (Cataluña, Galicia e Euskadi), ou polo Rexistro Nacional de Asociacións no resto. Esta solicitude faise en función do ámbito territorial que teña establecido a entidade nos seus estatutos.
Por que solicitan as asociacións esta declaración?
Segundo a experiencia que temos en Algalia, as asociacións teñen diversas motivacións para iniciar o proceso de obtención da Utilidade Pública. Ademais de ser un recoñecemento ao labor que as entidades veñen desempeñando dende a súa constitución, proporciona importantes beneficios fiscais, tanto á propia entidade como a quen a apoia economicamente e permite mellorar, en moitos casos, as posibilidades das entidades de acceso a financiación pública ou privada.
Sabías que nos últimos quince anos unhas 227 asociacións perderon a utilidade pública por non cumpriren coas obrigas legais asociadas a esta declaración?
As entidades que solicitan a declaración de utilidade pública deben acreditar que reúnen os requisitos que a Lei Orgánica 1/2002 establece (perseguir fins de interese xeral e non beneficiar só ás persoas asociadas, levar máis de dous exercicios completos realizando actividades de forma continuada e dispoñer dunha contabilidade completa, …) e, para manter a declaración, cumprir así mesmo coas obrigas que a citada norma impón, como presentar unha memoria descritiva de actividades e render contas anualmente ante o Rexistro de Asociacións competente.
Cales son as vantaxes de ter a declaración de utilidade pública?
A vantaxe fundamental ten que ver coa posibilidade de aplicar o réxime fiscal especial derivado da Lei 49/2002 do Mecenado que prevé vantaxes fiscais para:
- A propia asociación, xa que deixa como exentas, no Imposto sobre Sociedades, numerosas actividades económicas que sen ter a declaración estarían sometidas a unha tributación de ate un 25% (concertos sociais, contratos públicos de prestación de servizos sociais, …). Tamén outorga exencións no ITP-AXD, IBI, …
- As persoas e entidades doantes que financian de xeito voluntario ás actividades da asociación declarada de utilidade pública (tanto no IRPF para as persoas físicas coma no Imposto sobre Sociedades para as persoas xurídicas -empresas-).
Amais, a propia mención de “asociación declarada de utilidade pública” é un distintivo relevante, que pode diferenciar ás asociacións entre si e, sobre todo, equiparalas ás fundacións ó igualalas no aceso ó réxime fiscal especial do mecenado -as asociacións non declaradas de utilidade pública que perciben doazóns non poden outorgar beneficios fiscais ós seus donantes-.
Como de complexo é solicitar a declaración de utilidade pública?
A solicitude da declaración de utilidade pública é un proceso preciso que parte dunha análise previa do cumprimento dos requisitos que marca a normativa, posto que sen cumprilos, a declaración non se pode acadar.
Posteriormente, hai que fixar o período de actividade que se acreditará ante o rexistro administrativo competente (os dous últimos exercicios completos pechados) e elaborar as contas anuais (conforme ó plan xeral contable adaptado ás entidades sen fins de lucro) e as memorias de actividades (conforme á Orde do Ministerio do Interior habilitada ó efecto).
Todas estas xestións, unha vez coordinadas, desembocarían na presentación dun expediente de solicitude da declaración de utilidade pública.
O prazo de resposta, segundo a experiencia dos nosos expertos, supón un período de entre 6 e 10 meses no rexistro autonómico de Galicia e, entre un e dous anos, no rexistro nacional, sendo estes prazos moi elevados para as entidades que teñen que manter unha tributación excesiva neses anos de espera e unha perda de recursos para a súa actividade de interese xeral.
Se cres que a declaración de utilidade pública é boa para a túa entidade ou tes dúbidas sobre elo, consúltanos e te asesoraremos sen compromiso.