A RSE tamén é para "Santos"

“A miña forma xurídica (sen ánimo de lucro), e/ou a miña causa (causa que atende a un problema social) fan de min unha organización “santa”. Isto da Responsabilidade Social Empresarial é un asunto para empresas como Telefónica, que teñen unha mala imaxe que lavar…”

As aspas son “retóricas”. Non estou a citar a ninguén do mundo da economía social que dixera isto explicitamente, aínda que, atendendo a comportamentos observables, pode chegarse á conclusión de que o modelo mental no que se asenta este tipo de afirmacións ten aínda vixencia nos nosos días. Nós somos bos, Telefónica é mala. Non si? As cousas son máis complexas.

A Responsabilidade Social Empresarial (RSE), algo tan interesante e tan pervertible como calquera realidade humana, tamén é para “santos”, para nós, entidades da economía social (Asociacións sen ánimo de lucro, Fundacións, Cooperativas, Centros Especiais de Emprego…).

A RSE é tamén para nós, que queremos posicionarnos no mundo facendo ver e demostrando que as cousas poden ser doutro xeito, que se pode ir máis aló de resultados económicos favorables a toda costa. É para toda aquela organización que se empeñe en dar máis importancia ás persoas que ao capital e facer, en definitiva, un mundo un pouco máis habitable, por cursi que resulte dicilo así. A RSE é, tamén, para “santos”.

Repasando conceptos básicos

Antes de continuar, poñámonos de acordo. O Foro de Expertos en Responsabilidade Social Empresarial do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais define a RSE da seguinte forma: “é, ademais do cumprimento estrito das obrigacións legais vixentes, a integración voluntaria por parte da empresa, no seu goberno e xestión, na súa estratexia, políticas e procedementos, das preocupacións sociais, laborais e ambientais e de respecto aos dereitos humanos que xorden da relación e o diálogo transparente cos seus Grupos de Interese, responsabilizándose así das consecuencias e os impactos que derivan das súas accións.”

Resumindo, a RSE ten estes principios fundamentais:

  • É voluntaria. Faise porque se quere, non porque sexa obrigatoria.
  • Vai máis aló dos requisitos legais. Cumprir coa lexislación é obrigatorio para todas as organizacións.
  • Compromete, aínda que sexa voluntaria, a cumprir compromisos éticos, sociais, económicos e ambientais. Quen manifesta que fai RSE, comprométese a facer o que di, e se lle poden pedir responsabilidades.
  • A RSE non é un a maiores do que se fai na organización, un complemento. Non, forma parte do miolo das organizacións, polo que cómpre que se integre na estratexia, procesos e actividades da empresa.
  • A RSE require prestar atención e contar coa implicación dos grupos de interese da organización. Quen son? Aqueles aos que afecta ou inflúen no desenvolvemento da misión da organización. Por exemplo, clientes, empregados, provedores, accionistas, competidores, comunidade, poderes públicos, administración…

E como se denomina? Escoitamos falar de Responsabilidade Social Empresarial, Responsabilidade Social Corporativa, Responsabilidade Social a secas…

Non é todo o mesmo. Sinxelamente:

  • RSE: Responsabilidade Social Empresarial aplicada a todo tipo de empresas.
  • RSC: Responsabilidade Social Corporativa aplicada unicamente para as empresas grandes.
  • RSO: Responsabilidade Social das Organizacións utilízase para calquera tipo de organización: empresas grandes, PEMES, goberno, universidades, organizacións civís, …
  • RS: Termo simplificado (Responsabilidade Social).

A qué dimensións ha de atender a RSE? Pois a tres.

1.- Dimensión económica.

Unha organización, internamente, debe pretender ser equitativa e xusta na súa faceta como xeradora de riqueza.

Portas afora a RSE implica a xeración e distribución de bens e servizos.

2.- Dimensión social.

Internamente implica a responsabilidade compartida e subsidiaria das persoas inversoras, directivas, colaboradoras e provedoras, para o coidado e fomento da calidade de vida no traballo e o desenvolvemento integral e pleno de todos elas.

Portas afora leva a realización de accións e achegas propias para contribuír con tempo e recursos á posta en marcha de accións orientadas á mellora das condicións e da calidade de vida e contorna da comunidade.

3.- Dimensión ambiental.

Internamente a RSE ten que contribuír á mellora do desempeño ambiental da organización con base nun enfoque de ecoeficiencia e prevención que maximice o uso dos recursos naturais.

Portas afora significa a promoción da protección e restauración da contorna natural, fomentando principios e valores que propicien o respecto e coidado do medioambiente para a súa preservación para xeracións futuras.

E logo?

Estanse a desenvolver referentes e ferramentas para medir e implantar a RSE nas organizacións. Aí está o Pacto Mundial das Nacións Unidas, o RS10, a ISO2600 ou o GRI.

Son ferramentas que teñen vantaxes e inconvenientes, pero que resultan ser unhas aliadas valiosas no esforzo de incorporar na estratexia e operativa das organizacións os valores que están no cerne de aquilo que nos une: a economía social.

Moitas grazas a UGACOTA por organizar o curso en liña “A responsabilidade social empresarial nas cooperativas”. Temos moito que pensar, e sobre todo, moito que facer…

David Pereiro
Presidente de Algalia S. Coop. Galega

Voltar