O 10 de setembro de 2025 o Congreso rexeitou o proxecto de Lei que pretendía establecer a xornada laboral en 37,5 horas semanais de traballo efectivo de media en cómputo anual. O proxecto de Lei contemplaba, ademais da redución da xornada, outras materias que tampouco verán a luz polo momento:

  • Dereito á desconexión. O proxecto de Lei incluía medidas que pretendían reforzar a súa efectividade práctica co fin de evitar que poida esixirse prestación fóra dos horarios pactados e respectar o dereito ao descanso e á propia intimidade das persoas traballadoras.  
  • Rexistro de xornada. De momento non será obrigatorio que a empresa implante un sistema dixital accesible de forma remota para os traballadores, os seus representantes legais ou a Inspección de Traballo, medida que tamén se contemplaba no proxecto de Lei.
  • Novo réxime sancionador. Non entra en vigor o endurecemento das sancións polo incumprimento das obrigacións en materia de rexistro de xornada. Tampouco se considerará a comisión dunha infracción por cada persoa traballadora afectada nos casos de ausencia de rexistro ou falseamiento dos datos rexistrados. Así mesmo, os incumprimentos en materia de organización e ordenación do tempo de traballo que xeren un risco grave para a seguridade e saúde das persoas traballadoras non se cualificarán como infracción moi grave.

Yolanda Díaz, ministra de Traballo, confirmou que o rexistro horario dixital impoñerase mediante real decreto, o que permite evitar o trámite parlamentario e aplicalo de forma inmediata. O endurecemento das sancións afectaría á Lei de Infraccións e Sancións da Orde Social (LISOS) que si requiriría de aprobación no parlamento.

Voltar