Coa publicación do Real Decreto-lei 3/2016, de 2 de decembro, polo que se adoptan medidas no ámbito tributario dirixidas á consolidación das finanzas públicas e outras medidas urxentes en materia social, limítanse moito as posibilidades de adiamento e fraccionamento de débedas coa Administración Tributaria.

Con esta norma preténdese avanzar na redución do déficit e unha das dúas formas máis rápidas de facelo, por parte do Estado, é cobrar antes o que se podería cobrar despois. De feito estas medidas adiantan o diñeiro na caixa do Estado pero non se soluciona o déficit no medio prazo. As outras medidas, as de cobrar máis, que tamén as hai, tamén están recollidas e suporán que teremos que pagar máis por temas, por exemplo, o prezo do alcol e tabaco.

No artigo 6 desta norma modifícase o artigo 60 da Lei Xeral Tributaria e di, como novidade que non poderán ser aprazables nin fraccionables as seguintes débedas, entre outras, coa Administración Tributaria:

  • f) As derivadas de tributos que deban ser legalmente repercutidos salvo que se xustifique debidamente que as cotas repercutidas non foron efectivamente pagas.
  • g) As correspondentes a obrigacións tributarias que deba cumprir o obrigado a realizar pagos fraccionados do Imposto sobre Sociedades.

Que significa a letra f)? Pois a falta dun posicionamento exacto da AEAT podería entenderse como que non se poderá aprazar o IVE salvo que se xustifique “debidamente” que o IVE repercutido non foi cobrado integramente. De momento, a falta de posicionamentos por parte da propia AEAT non podemos garantir que o IVE sexa, ou non, obxecto deste artigo. Si fóra así se acabou a facilidade no financiamento público do pago deste imposto.

Que significa a letra g)? Aquí a interpretación é sinxela: os modelos 202 non poderán aprazarse nin fraccionarse.

Desde cando afecta esta medida? Na Disposición Transitoria Única indícase que esta imposibilidade afectará desde o 1/1/2017 polo que o último pago fraccionado do Imposto sobre Sociedades que se poderá aprazar nin fraccionar será o deste mes de decembro e, si a medida afectase ao IVE, xa non se podería aprazar nin fraccionar o IVE trimestral do cuarto trimestre de 2016.

Seguiremos o desenvolvemento efectivo desta medida fiscal tan relevante para o financiamento das entidades e iremos informando debidamente.

Jorge Rodríguez
Socio responsable do Área  Asesoría de Algalia Servizos para o Terceiro Sector

 

Voltar