A Fundación Universidade de Santiago (FUSC) é unha entidade sen ánimo de lucro vinculada á USC que xestiona e executa servizos estratéxicos que van desde a limpeza ata programas culturais, deportivos e de proxección institucional. O seu obxectivo é fortalecer a universidade pública mediante unha xestión eficiente, sostible e socialmente responsable.

Baixo a dirección de Óscar Hermida desde 2011, a FUSC experimentou un crecemento notable, consolidándose como unha estrutura clave na xestión eficiente de servizos universitarios. O seu enfoque céntrase en internalizar servizos estratéxicos para garantir estabilidade laboral, calidade na prestación e aliñación cos valores públicos da universidade.

Recentemente, a FUSC entrou a formar parte da carteira de entidades de Algalia. Falamos con Óscar Hermida sobre esta decisión:

1. Que motivou á Fundación Universidade de Santiago a colaborar con Algalia?

A principal motivación partiu da especialización de Algalia na asesoría e consultoría ao terceiro sector, tanto en materia fiscal e contable como orzamentaria. A empresa conta cun amplo coñecemento xurídico do sector fundacional e traballa especificamente con entidades cunha natureza xurídica similar á Fundación USC, que no noso caso somos un Medio Propio Personificado da Universidade de Santiago de Compostela. Por outra banda, tamén precisábamos unha visión externa dunha organización con ampla experiencia e que nos aportase un valor engadido nos momentos de cambio que estivo e está a sufrir a nosa entidade.

2. Que papel xoga a economía social nunha institución como a FUSC?

A Fundación USC ten como finalidade principal colaborar no desenvolvemento dos fins propios da USC, prestando servizos de carácter complementario ou instrumental. A actividade da fundación está dirixida á universidade e á súa comunidade universitaria prioritariamente, realizando actividades en materia deportiva, reprografía, servizos informáticos, limpeza, e outros servizos de apoio á xestión cultural e patrimonial.

Aínda que a fundación é unha entidade non lucrativa, e as actividades económicas que realiza reverten na propia fundación contribuíndo á consecución dos seus fins, está orientada a prestar servizos á USC e á súa comunidade universitaria, más que a atender ou resolver necesidades sociais específicas, polo que non formaría parte do ecosistema da economía social nun sentido estrito.

3. Que espera desta colaboración con Algalia?

Nos últimos anos a fundación ampliou a súa actividade dun xeito importante, tanto en volume de orzamento como de liñas de actuación, polo que desde o plano organizativo a entidade vén implantando de xeito continuado novos procesos de xestión e mellorando outros. Neste camiño cóntase coa ampla experiencia de Algalia no sector fundacional, tanto a pertencente ao sector público como ao privado.

Ademáis, desde un punto de vista máis administrativo, estaría o asesoramento en materia contable, fiscal e xurídica-fundacional no seu caso.

Voltar