O xerente de Algalia S. Coop. Galega, Celso Gándara, novo Presidente de Ugacota e da Federación de Cooperativas Sinerxia

Recentemente Celso Gándara socio e xerente de Algalia S. Coop. Galega foi nomeado como presidente da Unión Galega de Cooperativas de Traballo Asociado, UGACOTA, e como consecuencia de que UGACOTA, é unha das socias da Federación de cooperativas SINERXIA, tamén representará a esta entidade como presidente.

UGACOTA é unha entidade, sen ánimo de lucro, formado por cooperativas de traballo asociado que realizan distintas actividades. Foi constituída  coa finalidade de:

  • Atender as necesidades das empresas asociadas.
  • Representar ao movemento cooperativo de traballo asociado a nivel autonómico.
  • Promover nas  empresas que agrupa e na sociedade en xeral, os valores propios da cultura solidaria que inspira os principios cooperativos.

SINERXIA, é unha federación de cooperativas formada por:

  • UGACOTA Unión Galega de Cooperativas de Traballo Asociado.
  • UCETAG Unión de Cooperativas de Ensino de Traballo Asociado de Galicia.
  • UGACOMAR Unión de Cooperativas do Mar de Galicia.
  • ÁRBORE, Cooperativa de consumo consciente.

Sinerxia agrupa a 176 empresas cooperativas, nas que estan implicadas máis de  3.350 persoas, das cales 1.350 son socias traballadoras, 1.500 son socias usuarias e 500 son asalariadas. No exercicio 2014 a facturación das cooperativas ascendeu a máis de 200 millóns de euros.

Algalia S. Coop. Galega, ten tradición e experiencia na participación en órganos de goberno das estruturas de representación de cooperativismo galego, dende a creación da Unión de Cooperativas Eixo, que posteriormente se fusionou coa actual Unión de Cooperativas UGACOTA.

Dende Algalia S. Coop. Galega, estamos comprometidos co desenvolvemento do cooperativismo en particular e da economía social en xeral e queremos agradecer a confianza depositada tanto na nosa cooperativa como na persoa do noso socio Celso Gándara para a realización das labores de representación do sector do cooperativismo en Galicia.

Sentímonos ilusionados e responsabilizados por  poder participar e contribuír ao proceso de fusión das diferentes estruturas  que agrupan o cooperativismo en Galicia, proceso que se está a producir nestes momentos e do que agardamos un futuro prometedor para o cooperativismo galego.

David Pereiro Pelaez
Presidente de Algalia S. Coop. Galega

Voltar