A presenza da muller no rural galego é clave para paliar o despoboamento e o envellecemento nas comarcas, principalmente, do interior de Galicia. Ademais, a súa achega laboral, social e o seu carácter emprendedor favorecen o desenvolvemento sostible, a loita contra o cambio climático cunha adecuada xestión dos recursos naturais, a xeración de riqueza e a diversificación da economía do territorio no que se asintan.

O pasado 8 de marzo, Cooperativas Lácteas Unidas CLUN  e Mulleres de Seu organizaron a xornada ‘Mujeres rurais: raíces, presente e futuro da nosa terra’ en Melide, que reuniu a unha nutrida representación de cooperativas, entidades da economía social e organizacións do Foro da Economía Social de Galicia.

O obxectivo, poñer en valor o papel da muller e o seu traballo no campo, cuxa percepción está a cambiar nos últimos anos grazas á economía social e as cooperativas, baseadas no principio da igualdade. Os números indican que a porcentaxe de mulleres titulares agrogandeiras en Galicia supera o 50%, moi por encima do 22, % da media nacional, segundo informes dos últimos anos.

Celso Gándara, presidente de Foroesgal, abriu o acto falando sobre a importancia da muller na economía social e os aspectos que teñen en común as mulleres que participan nela.

Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop, salientou que “eliximos esta forma de traballar porque as cooperativas baséanse en principios, un dos cales é o da igualdade que abre as portas e permítenos romper o teito de cristal de forma natural”.”.

Belén Rodríguez, colaboradora de Aeiga, Asociación de Empresas de Inserción de Galicia, sinalou que o 51% dos postos de traballo das persoas en exclusión están ocupados por mulleres. “Atendemos a mulleres explotadas sexualmente e vítimas de violencia de xénero, buscando oportunidades para elas.  O ideal para o 8M en 10 anos é que xa non haxa empresas de inserción”.

María José Manivesa, directora de Nós As Mulleres, Asociación de Mujeres de Cooperativas Agroalimentarias e primeira presidenta muller de Agroflor, realizou unha breve retrospectiva da evolución da igualdade nas cooperativas agroalimentarias. “Historicamente as mulleres que querían emprender, comprar e vender gando non podían asinar, como a miña avoa María que coñecendo o oficio de comprar e vender gando quería facerse cargo ela mesma dese traballo pero necesitaba a firma do seu esposo. Na actualidade esta situación cambiou, pero aínda non existe infraestrutura para a atención no medio rural”

A unión fai a forza

En palabras de Aurora Fernández, presidenta de Alecrín, Asociación de Mujeres Rurais da Comarca de Melide, “a unión fai a forza, hai que seguir tecendo redes como hoxe aquí. Temos que superar as barreiras que poidan ter as mulleres polo feito de ser mulleres, ninguén nos pode roubar os nosos soños nin os nosos dereitos, a suor das mulleres rurais ten o mesmo valor que o dos homes, porque nas zonas rurais traballamos xuntas. E sexamos claros, a conciliación non existe, son as avoas”.

Podes consultar toda a información sobre este evento aquí

Voltar