1. O QUE É

Enténdese por concerto social o instrumento por medio do cal se produce a prestación de servizos sociais de responsabilidade pública a través de entidades, cuxo financiamento, acceso e control sexan públicos, dinos o artigo 33 bis.2 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

O concerto social é, así, unha fórmula de colaboración público-privada, un sistema de xestión indirecta de servizos públicos.

2. O QUE NON É

É tamén un tipo de relación entre o público e o privado:

  • Fóra da normativa de contratos do sector público, porque xustamente esta normativa prevé esta exclusión.
  • Fóra da normativa de subvencións públicas, porque non é unha subvención ou convenio, entendidas como disposición de cartos realizada por Administracións Públicas a prol de persoas públicas ou privadas sen contraprestación directa das beneficiarias da subvención, sexa en concorrencia competitiva, sexa por adxudicación directa (subvención nominativa: convenio).

3. O POR QUE

En concreto:

  1. A Directiva Europea sobre Contratación Pública 2014/24/UE indicaba que existían determinados servizos relacionados coa atención ás persoas que, polas súas características, poden ser desenvolvidos á marxe da contratación pública (sociais, sanitarios, educativos ou doutra caste).
  2. A Lei de Contratos do Sector Público de 2017 engadiu que esta lei estatal non privaba ás Comunidades autónomas, no exercicio das súas respectivas competencias, para lexislar artellando instrumentos non contractuais para a prestación de servizos públicos destinados a satisfacer necesidades de carácter social
  3. Así que logo as distintas Comunidades Autónomas foron ou estean a desenvolver as súas respectivas normativas. En Galicia, reformando en 2016 a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. E, hoxendía, traballando no Decreto polo que se desenvolve o réxime de concerto para a prestación de servizos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en trámite de audiencia neste momento.

4. O COMO (EN GALICIA)

  • Conforme a principios de atención personalizada e integral, elección da persoa do centro e prestador do servizo, continuidade e arraigo da persoa no entorno de atención social, e calidade, entre outros.
  • Nas carteiras de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, de inclusión e de promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia.
  • Por medio da reserva e ocupación de prazas para uso exclusivo das persoas usuarias e/ou da xestión integral de prestacións técnicas, tecnoloxías de servizos, programas ou centros.
  • Non en exclusiva para entidades sen ánimo de lucro (a diferenza doutras Comunidades Autónomas como Aragón, Asturias, Navarra ou Valencia).

En resume, en xeral:

  • a Administración Pública “acredita” a determinadas entidades con certas condicións para prestar un servizo, que será financiado pola propia Administración, pero a entidade actuará en nome propio e ten plena liberdade, de maneira que pode prestar o servizo concertado como queira, sempre e cando respecte os requisitos establecidos, e
  • as persoas beneficiarias ou ben elixen entre as diferentes entidades acreditadas, ou ben son derivadas pola Administración.

Noutros boletíns afondaremos noutros aspectos como requisitos, procedemento, duración, obrigas, modificacións e prórrogas, extinción ou recursos.

Santiago Míguez
Responsable do Servicio X
urídico de Algalia Servizos para  a Economía Social

Voltar