No último trimestre do exercicio contable as fundacións teñen a obriga de elaborar, aprobar e presentar ao seu Protectorado o Plan de Actuación (PA), documento no que quedarán reflectidos os obxectivos, as actividades que se prevexan desenvolver durante o exercicio seguinte, unha previsión das partidas de ingresos e gastos calculados e mais unha memoria explicativa destas actividades.
Á hora de elaboralo ocórrensenos algúns consellos prácticos:
- Diferenciación por actividades: posiblemente o termo “actividades” nos poda levar a engano porque poderíamos entendelo como o conxunto de múltiples accións puntuais que fai unha fundación durante o ano en cumprimento dos seus fins (curso 1, curso 2, xornada 1, xornada 2, …). Para nós a interpretación debe ter un foco feito dende máis lonxe e deberíamos organizar o PA en función dos programas principais de cada fundación en función da súa programación global (programas de formación, programas sociais, …).
- Coordinación da información económica coa contabilidade da entidade:
- O PA esixe que os gastos se presenten analiticamente ademais de por natureza de gasto conforme ao plan adaptado -RD 1491/2011-, polo que a entidade, unha vez definida a estrutura de programas, deberá ser quen de contabilizar os gastos repartidos por estes programas.
- Ademais respecto aos xerais poderíanse repartir nos programas definidos ou levalos a un centro de custo único.
- A estrutura de ingresos non segue a estrutura do plan contable adaptado senón que é unha estrutura en base á normativa –isto implicará a elaboración dunha certa adaptación contable para poder dispor desta información-.
- O modelo de presentación do PA é un modelo conforme ao establecido no RD 1491/2011 que está dispoñible nas webs dos diferentes protectorados. Recoméndase o emprego dos mesmos para facilitar a interpretación e a aceptación destes PA por parte da administración.
Para rematar, é fundamental ter en conta a relación que existe entre o PA que presenten as fundacións, a contabilidade e a memoria anual que forma parte das contas anuais. O PA que se presente este ano terá que poder ser comparado coa execución real do próximo exercicio cando se presenten as contas anuais (entre marzo e xuño de dentro de dous anos). Isto implica que toda a descrición de actividades e o detalle de gastos e ingresos que se defina no PA ten que ser controlado e contabilizado de maneira efectiva durante o próximo ano para facilitar a elaboración da memoria de dito exercicio cando toque. Non ter isto en cinta fará que a elaboración desas contas anuais sexa moi custosa en tempo e con pouca efectividade.
Jorge Rodríguez Malingre
Responsable de Asesoría de Algalia Servizos para a Economía Social