O Consello de Ministros aprobou onte a Real Decreto-lei 15/2025, polo que se amplía nun ano o prazo para que se adapten os sistemas informáticos aos requisitos establecidos no Regulamento de facturación (Real Decreto 1007/2023) e a súa normativa de desenvolvemento, incluído o sistema “Verifactu”. Aínda así, en Algalia mantemos as sesións formativas programadas para decembro.
Con esta modificación, a entrada en vigor da obrigación atrásase:
- Empresas que tributan polo Imposto sobre Sociedades: deberán cumprir a partir do 1 de xaneiro de 2027.
- Resto de obrigados tributarios (autónomos): a esixencia será efectiva desde o 1 de xullo de 2027.
O obxectivo desta prórroga é facilitar unha implantación ordenada e homoxénea, garantindo que os sistemas cumpran cos requisitos antifraude: xeración de rexistros inalterables, rastrexabilidade e accesibilidade para a Axencia Tributaria.
Que implica para os nosos clientes?
Aínda que o prazo amplíase, a obrigación segue sendo firme e require unha planificación adecuada. A adaptación non se limita a instalar un software: implica revisar procesos internos, contratos con provedores e garantir a correcta configuración para cumprir coa normativa.
Por iso, mantemos as sesións formativas previstas para decembro sobre o Regulamento de facturación de 2012, que completan o ciclo iniciado en outubro sobre os sistemas informáticos de facturación. Consideramos esencial que os nosos clientes dispoñan de información con antelación para organizar correctamente o proceso e evitar improvisacións no futuro.
Podes consultar a formación reducida aquí, na nosa canle de Youtube.
Desde o servizo económico de Algalia, seguimos comprometidos con ofrecer acompañamento e formación para que a transición cara aos novos sistemas sexa segura, eficiente e conforme á normativa.