Podería facerse unha miniserie fiscal con tres capítulos sobre este tema, pero, realmente, do que vos imos falar nesta nova é do último, polo que: coidado cos spoilers!
Primeiro capítulo: todos pensabamos hai dous anos que íamos ter que presentar o modelo 347 –declaración informativa de operacións con terceiros- con carácter xeral durante o mes de xaneiro.
Segundo capítulo: ó pouco tempo pola presión dos autónomos e pemes a quen lles afogaba nos seus prazos administrativos pasar unha xestión do mes de febreiro ao de xaneiro conseguiuse un mes de prazo adicional en 2018 –respecto á declaración de 2017- pero a norma vixente mantiña que a obriga da declaración de 2018 debería cumprirse no vindeiro mes de xaneiro de 2019.
Terceiro capítulo: o 31 de outubro de 2018 publicouse a Orden HAC/1148/2018 que volve a deixar o modelo 347 con prazo definitivo de presentación no mes de febreiro e con carácter de permanencia.
En definitiva, mentres isto non cambie –non se descarta unha segunda temporada- o modelo 347 de cada exercicio fiscal, ou declaración informativa de operacións con terceiros, terá que presentarse no mes de febreiro do ano seguinte (incluído 2019).
Jorge Rodríguez Malingre
Responsable do Área de Asesoría de Algalia Servizos para a Economía Social