Sete destacadas organizacións de carácter social culminaron o 10 de xaneiro en Madrid o nacemento da Plataforma do Terceiro Sector, unha nova entidade que pretende ser un factor de cohesión e unidade de acción para defender o valor do social, o Estado de Benestar, os dereitos sociais, e propiciar a máxima colaboración público-privada en beneficio das persoas máis desfavorecidas.
A Plataforma do Terceiro Sector arrancou coa celebración da súa primeira Asemblea Xeral, na que se adoptaron os primeiros acordos e se realizaron nomeamentos de relevancia para o inicio das súas actividades, despois de que o pasado 20 de decembro se asinase a constitución da entidade por parte dos seus sete membros iniciais.
As sete organizacións que conforman a nova iniciativa son a Plataforma de ONG de Acción Social, a Plataforma do Voluntariado de España (PVE), a Rede Europea de Loita Contra a Pobreza e a Exclusión Social do Estado Español (EAPN), o Comité Español de Representantes de Persoas con Minusvalidez (Cermi), Cruz Vermella Española, Cáritas Española e a Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE).
A nova entidade deu xa os seus primeiros pasos, entre os que hai que destacar a solicitude dunha entrevista coa nova ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade Ana Mato, así como con institucións públicas e privadas do noso país, para dar a coñecer os obxectivos da nova Plataforma, sempre dirixida cara a un diálogo proactivo, construtivo e responsable..
A Plataforma do Terceiro Sector inclúe entre as súas prioridades o fomento activo da articulación do Terceiro Sector en todo o territorio e o fomento dun clima de cooperación coas plataformas xa existentes nalgúns ámbitos territoriais, ás que invitará ao diálogo e á súa posible participación futura.
Segundo se explica dende a Plataforma, a iniciativa tratará de constituírse como unha voz unitaria de representación das organizacións, con vocación de servizo e compromiso na busca de solucións en favor dos colectivos máis desfavorecidos ou con necesidades sociais moi especiais. Sumará ademais esforzos en favor do interese xeral, dende a perspectiva dos seus fins sociais, e dentro do máis estrito respecto á identidade, fins e funcionamento de cada unha das organizacións asociadas.
Luciano Poyato, primer presidente
A Asemblea da Plataforma do Terceiro Sector estivo participada por 74 membros pertencentes ás organizacións constituíntes e de todos os territorios do Estado. Nas súas primeiras decisións procedeuse a nomear os órganos previstos nos seus estatutos, ademais dos sete cargos de maior responsabilidade, que recaeron nas seguintes persoas:
- Presidente: Luciano Poyato Roca (Plataforma del Voluntariado de España).
- Vicepresidentes: Juan Lara Crevillén (Plataforma de ONG de Acción Social), Carlos Susías Rodado (Red Europea de Lucha contra la Pobreza y la Exclusión Social EAPN-ES),Luis Cayo Pérez Bueno (Comité Español de Representantes de Personas con Discapacidad, CERMI), Fernando del Rosario Romero (Cruz Roja Española) y Sebastián Mora Rosado (Cáritas Española).
- Secretario General: Rafael de Lorenzo García (Organización Nacional de Ciegos Españoles ONCE).