Moitas ONG pequenas van a ter que agruparse para sobrevivir

A continuación reproducimos a entrevista a Ignasi Carreras que Amalia Mauleón publicou o 16 de maio de 2012 na sección de Sociedade e Cultura do diario Faro de Vigo.

Como abordar a definición da misión dunha ONG, determinar axeitadamente a súa estratexia e o valor do liderado son algunhas das cuestións que o director do Instituto de Innovación Social de ESADE, Ignasi Carrera, explicou onte [15 de maio] en Vigo a medio centenar de representantes de organizacións galegas. O experto impartiu a xornada dentro do programa formativo Más Social de la Fundación Barrié e a Fundación PwC.

En tempos de crises, que opción teñen as ONG para saír adiante?

Por unha banda, teñen que ser máis emprendedoras para ter unha maior capacidade de detectar iniciativas e levalas á práctica; tamén deben apostar pola innovación, xa que a crise demanda máis servizos con menos recursos e, en terceiro lugar, ter un espírito colaborativo con outras ONG e con outras empresas, o que lles permitirá un maior impacto social nun contexto máis complexo.

Entón, o futuro está en que as ONG pequenas desaparezan ou se unan ás grandes?

En España, comparado con outros países, hai un maior número de ONG pequenas e menos medianas. Pola dificultade que van atopar para sobrevivir, veremos que moitas ONG van tender a agruparse, crear alianzas estratéxicas ou fusionarse. Necesitan líderes que sexan capaces de colaborar con outros representantes. Estamos nun contexto no que as ONG dependen menos dos recursos públicos e tampouco contan con moitos apoios privados, polo que a única solución en unir esforzos. Con todo, si esas ONG pequenas están moi especializadas e non dependen en exceso dos fondos públicos, poderán sobrevivir.

Que ONG son exemplo de boa estratexia?

As organizacións grandes como Cáritas ou Unicef levan moito tempo preparándose e son as que primeiro reaccionan ante as novas situacións. Pero hai outras medianas como Síndrome de Down ou Meniños, en Galicia, que están suficientemente especializadas e ben recoñecidas. As organizacións que funcionan ben saben a súa misión, mantéñense innovadoras, non intentan facer moitas cousas, teñen equipos directivos potentes e boa diversificación de recursos.

Confía a xente no bo facer destas organizacións ou os escándalos ocasionais pesan demasiado?

É curioso porque dou bastantes conferencias a rapaces de cuarto da ISO e bacharelato e atópome con que só un 25% confía nelas. Isto corrobora que fai máis ruído unha árbore que cae que centos que crecen. Reduciuse bastante a confianza nas ONG pero, malia iso, seguen sendo as organizacións nas que máis confía a xente. Temos que facer un esforzo para que os que creen en nós tamén se sintan satisfeitos do noso traballo.

En comparación con outros países, cantos colaboradores regulares teñen as ONG españolas?

Só un 10% da poboación colabora regularmente cunha destas organizacións e iso é moi pouco comparando con outros países que chegan ao 35 ou 40%. O problema da nosa sociedade é que hai demasiados indiferentes. En España hai moitos colaboradores puntuais que, ante unha catástrofe, un caso dunha enfermidade rara etc. reaccionan moi ben; é unha solidariedade emotiva, pero para conseguir cambiar as cousas necesítase que se impliquen de xeito continuado.

Nunha situación na que moita xente non chega a fin de mes, como xestionar a captación de fondos?

As ONG teñen que buscar persoas, non diñeiro. Teñen que conseguir que a xente faga súas as causas que defenden. Ao principio é suficiente con conseguir que manden un correo de apoio, que acudan como voluntarios a un acto e logo xa chegará o diñeiro. As redes sociais son clave para este novo tipo de colaboración.

Que forma é a máis efectiva para captar socios?

Fai anos partíase dunha base de datos e mandábanse cartas á xente para que se fixesen socios. Pero a xente recibía demasiadas cartas e ao final non facía moito caso a ninguén. O cara a cara, esas persoas que che paran na rúa para explicar a misión da entidade, tamén está empezando a angustiar á xente porque cada vez utilízano máis organizacións. O máis efectivo é xerar unha comunidade de xente que queira colaborar, xa que esas persoas son máis propicias, despois, a facer achegas económicas.

David Pereiro
Socio consultor de Algalia Servizos para o Terceiro Sector

Voltar