O pasado 27 e 28 de xuño vimos de participar nun curso de verán organizado pola UPV e GEAccounting que se centraba na integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e o valor social xerado polas organizacións.

Para poñer en contexto, en 2015, a ONU aprobou a Axenda 2030 sobre o Desenvolvemento Sostible, unha oportunidade para que os países e as súas sociedades emprendan un novo camiño co que mellorar a vida de todos. A Axenda conta con 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, tamén coñecidos como Obxectivos Mundiais e son un chamado universal á adopción de medidas para poñer fin á pobreza, o cambio climático, a desigualdade económica,e potenciar a innovación, o consumo sostible, a paz e a xustiza, entre outras.

No curso abordouse en como poden contribuír as empresas e organización ós Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e na forma de informar e medir as actuacións na súa contribución á xeración de valor social.

A perspectiva tradicional de medición do rendemento da organización céntrase unicamente no valor xerado pola mesma para os propietarios, polo que os indicadores fundamentais son de carácter financeiro. Dende unha nova perspectiva, a sostibilidade, podemos considerar un conxunto ampliado de valor, que inclúa o valor distribuído a todos os stakeholders, e incorpora tamén, de xeito integrado e sistemático, os efectos non directamente económicos que a organización xera os diversos grupos de interese con ela relacionados. Dito valor ampliado, ó que denominaríamos valor social, por reflectir o valor real que unha determinada entidade xera cara  o conxunto da sociedade axudará ó despregamento dos ODS.

Nese mesmo espazo Algalia participou como socia de GEAccounting (entidade que procura o desenvolvemento da Contabilidade Social)  na  súa asemblea anual onde entre os diversos temas tratados acordouse a celebración do VIII Congreso Anual de Contabilidade Social en Santiago de Compostela o 21 e 22 de novembro de 2.019. Todos os que esteades interesados no tema  reservade esas datas na vosa axenda para participar e dar un gran pulo o desenvolvemento da contabilidade social en Galicia.

Ángel Rodríguez
Socio Consultor Económico de Algalia Servizos para a Economía Social

Voltar