A “Conferencia Europea Economía Social: Persoas, Planeta, Acción”, celebrada no Palacio de Congresos e Auditorio de Donostia -Capital Española da Economía Social 2023-, reuniu o pasado 13 e 14 de novembro a máis de 500 expertos para participar en debates, obradoiros e visitas a empresas da economía social, líderes no seu sector, co obxectivo de impulsar e visibilizar este modelo económico. Este Cume culminou coa firma do Manifesto de San Sebastián, sobre a Economía Social, un documento asinado por representantes de 19 países da Unión Europea e de Social Economy Europe e o Comité Económico e Social Europeo que busca reforzar este modelo empresarial en Europa.

Con este Manifesto os asinantes recoñecen “que as entidades da economía social son actores crave no mercado único europeo e nas nosas sociedades, representando unha parte significativa da produción económica e da forza innovadora na Unión Europea”.

No acto de inauguración do evento, tanto o comisario europeo de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit, como o presidente de Social Economy Europe (SEE) e da Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), Juan Antonio Pedreño, apuntaron que “estamos ante unha oportunidade única de consolidar o modelo empresarial que representa a economía social e, tamén, de reclamar aos poderes públicos e á sociedade todo o seu compromiso para conseguir un ecosistema que permita liberar completamente todo o valor engadido da economía social”.

Durante a celebración do encontro falouse do Plan de Acción Europeo en materia de economía social e da recente aprobación da Resolución da ONU nesta mesma materia como dous fitos que recoñecen a importancia deste modelo empresarial, non só como un actor empresarial senón tamén pola súa contribución ao ámbito social. Neste sentido, o presidente do Comité Económico e Social Europeo (EESC), Oliver Röpke, expresou que “a economía social é un modelo crave para ser máis resilientes fronte ás adversidades que enfrontan as sociedades actuais e que, para unha mellor implementación deste modelo, é necesaria a inclusión da economía social en todos os niveis educativos”.

No ámbito nacional, Iñigo Ucín, presidente da Corporación Mondragón, sinalou a necesidade de darlle un impulso á intercooperación non só entre cooperativas, senón tamén con outras entidades e axentes”. Engadiu que, no caso Mondragón, “a xestión da cultura cooperativa foi clave no noso desenvolvemento”, e que mantén intacta “a ambición de deixar un legado mellor, sendo referentes nos sectores onde operamos”.

A celebración da II Edición dos Premios Social Economy Europe, galardóns de carácter bianual, puxeron o broche final ao Cume. Recibiron galardón o Programa Por Talento Dixital, de Fundación ONCE (España), Vienna Hobby Lobby (Austria), Energie Solidaire (Francia) e Panacea Cooperative Research S. Coop (España), nas categorías Skills, Social Innovation, Green Transition e Digitalization, respectivamente. Os galardóns institucionais, que recoñecen o apoio, promoción e defensa das autoridades en favor da economía social, recaeron sobre a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social en funcións, Yolanda Díaz; a ministra de Traballo e Políticas Sociais de Bulgaria, Ivanka Shalapatova; o secretario de Estado do Ministerio de Economía e Acción polo Clima de Alemaña, Sven Giegold; a copresidenta do Intergrupo de Economia Social do Parlamento Europeo, Patrizia Toia; e o comisario de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit.

Voltar