A Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolleu esta semana a máis de sesenta profesionais do sector da discapacidade para compartir e experimentar metodoloxías e ferramentas de cambio dos modelos organizativos e de xestión das súas entidades.

A iniciativa enmárcase nas actividades do proxecto “TooL Lab: Think Tank de transformación da Economía social dos máis vulnerables”, que foi financiado polo Ministerio de Traballo e Economía Social con fondos NextGenerationEU na última convocatoria do PERTE da Economía Social e dos Coidados

Os días 4 e 5 de outubro celebráronse sesións de capacitación e experimentación conxunta centradas na aplicación de metodoloxías para o cambio na cultura organizativa, inspiradas na Teoría U, o Paradigma TEAL, a Comunicación NoViolenta, a Holocracia e a Sociocracia. En particular, profundouse en temáticas como a aliñación co propósito evolutivo da organización, a autoxestión, o benestar e o coidado das persoas na contorna de traballo. Todos isto da man de facilitadores expertos, como José Manuel Portalo (Amadip Esment Fundació, Illas Baleares), Atzio Orexa (Grupo Ner, País Vasco), Eva Miguélez (Deluz e Compañía e O Super dos Pastores, Cantabria) e Ester Ortega (Fundación Aprocor, Madrid.

O día 6 presentouse a Rede ‘TooL Lab’ ás institucións e ás entidades do sector da economía social de Galicia. Xunto cos membros da Rede, participaron no evento Pablo Fernández López, Secretario Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; Covadonga Toca Carús, Directora do Igape; Celso Gándara Carnero, Presidente do Foro da Economía Social de Galicia; Lucía Mendoza, Xerente de Espazo Coop-Unión de Cooperativas de Galicia; representantes dos sindicatos UXT e CC.OO. e de entidades representativas do ámbito da discapacidade.

TooL Lab  é un proxecto colaborativo que involucra a dez organizacións de catro distintas Comunidades Autónomas: Galicia, Canarias, Illas Baleares e País Vasco, entre elas Algalia, Servizos para a Economía Social. Promove un cambio radical nos modelos organizativos e de xestión das entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos a persoas con discapacidade, combinando a profesionalización do sector co mantemento da súa misión social. Inclúe tamén o desenvolvemento de relacións laborais baseadas na autonomía e autogestión dos equipos, e o benestar das persoas traballadoras.

Voltar