O 13 de marzo, foi presentado o Foro pola economía social Galega, entidade constituída pola Unión de Cooperativas de Galicia ( EspazoCoop), a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias ( Agaca), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego ( Cegasal), a Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia ( Aesgal) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia ( Aeiga), entidades que representan a 371 organizacións, cun volume de ingresos de 1.616,5 millóns de euros anuais e 9.276 empregos directos.
Dar visibilidade á economía social ante a sociedade e os principais axentes económicos, representando os seus intereses ante as diferentes institucións políticas, económicas e sociais, e xerando as condicións adecuadas para o desenvolvemento das súas entidades a través da intercooperación e o acceso á contratación pública, son os seus principais obxectivos.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, foi o encargado de inaugurar o acto, que cualificou de “histórico”, e exaltou os valores que promove este modelo na procura da creación de emprego de calidade, “a través do fomento da igualdade de oportunidades, a inclusión, o desenvolvemento local ou o compromiso social e medio ambiental”.
Conde destacou que “cando se traballa con valores contribúese de maneira diferente á economía e á sociedade, “porque este sector pon en primeiro plano ás persoas e demostra que unha forma de facer empresa distinta é posible”. E destacou que no modelo produtivo que Galicia está a consolidar, o traballo da man da economía social é necesario para ser máis competitivos.
Pola súa banda, Celso Gándara, portavoz do Foro pola Economía Social Galega explicou que o Foro “non xorde da necesidade, senón do desexo de ser recoñecidos como un interlocutor máis na escena política e social de Galicia para poder influír nas políticas que nos afectan, e para comunicar á sociedade en xeral e as empresas en particular que o acto de comprar pode ter máis poder que o acto de votar”.
Celso Gándara sinalou que “somos organizacións que desenvolvemos proxectos socio-empresariais, e desenvolver ambas as cousas convértenos en empresas fronteira”. Isto, continuou, significa que “realizamos a nosa actividade na fronteira entre o desenvolvemento da parte empresarial, nun mercado cada vez mais global e competitivo, e a dimensión social, baseada nos nosos principios onde a primacía das persoas e do fin social sobre o capital sérvennos de identidade e orientación”.
Esta simbiose socio-empresarial, dixo o portavoz,” articúlase a través dos nosos modelos de xestión e das nosas estratexias corporativas e de negocio, desta tensión entre principios e mercado xorde a nosa identidade e o sentido das nosas organizacións”.
Celso Gándara falou tamén da importancia da economía social galega no seu conxunto que, segundo datos oficiais, no exercicio 2014 facturou 2.800 millóns de euros e empregou, en datos do exercicio 2017, a 13.000 persoas: “Non só xeramos riqueza, senón que a distribuímos equitativamente”. Así mesmo sinalou a creación, por parte da economía social, dun “emprego de calidade, con especial preocupación polas persoas con diversidade e as persoas en risco de exclusión social”.
Gándara acabou o seu discurso demandando “a pertenza ao Consello Económico e Social de Galicia para ter na nosa comunidade as mesmas posibilidades que o sector da economía social ha conseguido na maioría das comunidades autónomas e no Consello Económico e Social de España”.
No acto interveu despois o presidente da Confederación Empresarial Española de Economía Social, Juan Antonio Pedreño, que definiu a presentación como “o impulso definitivo para a economía social galega”. Pedreño defendeu “outra forma de facer empresa, que sexa un modelo de calidade”.
Máis de 150 persoas, entre autoridades, representantes empresarias, sindicais, de entidades financeiras e das universidades galegas, participaron na presentación do nacemento do Foro pola Economía Social de Galicia.
Espazo Coop, Unión de Cooperativas de Galicia