O balneario de CALDARIA Arnoia foi escenario, como é tradicional, do remate hoxe mesmo da oitava edición de VIRADA Liderado. Coas 15 participantes desta edición, suman xa 114 as persoas que participaron en VIRADA Liderado nestas oito edicións, e 48 as entidades da economía social que confiaron na proposta de ALGALIA.

VIRADA Liderado 2024 contou coa participación de 15 persoas das seguintes entidades de economía social: ACEESCA, Alento, Algalia, Amipa, BATA, Casa Grande de Xanceda, Chamorro, Espazo Coop, EVD Galicia, FADEMGA Plena inclusión Galicia, San Xerome e Urdime S.Coop.Galega.

As persoas do grupo, que comezou a súa travesía o 28 de febreiro de 2024, desempeñan, entre outros, os seguintes postos nas súas organizacións: Responsables da área laboral, Responsables económicas, Xerencias, Educadoras sociais, Técnicas administrativas, Responsables de produción, Responsables de formación e emprego, Psicólogas, Responsables de Calidade, Presidentas de cooperativa, Educadoras e Responsables de Servizos de lecer.

Atrás quedan moitos momentos significativos e enriquecedores ao longo das actividades principais que estruturan a proposta de VIRADA Liderado, por exemplo:

  1. Os tres encontros vivenciais nos balnearios de CALDARIA, Laias e Arnoia. Aquí compartimos dinámicas activas de traballo que levou ás persoas para evocar o exercicio do seu liderado nas súas organizacións e a identificar aprendizaxes para o seu desenvolvemento.
  2. Nos tres obradoiros de formación sobre contidos de liderado, celebrados na Cidade de Cultura de Galicia, os participantes profundaron nalgúns enfoques e ferramentas prácticas para aplicar no seu día a día de coordinación de equipos e liderado.
  3. No espazo íntimo e persoal do acompañamento desde o coaching, cada participante tivo ocasión de profundar na súa aprendizaxe en tres sesións de coaching, acompañadas por algunha das cinco persoas que compoñen o Equipo VIRADA de coachs.
  4. No Proxecto de Impacto Organizacional (PIO), cada persoa, co apoio do seu coach e de todo o grupo, foi elaborando durante o programa un proxecto de desenvolvemento persoal do seu liderado, co propósito de propiciar cambios positivos nas entidades que as enviaron.

Desde ALGALIA queremos agradecer a constante colaboración de EDE Fundazioa, o compromiso das coachs colaboradoras do equipo VIRADA (Begoña, Laura e Mary), a confianza das entidades participantes nesta edición e, sobre todo, o compromiso, alegría e responsabilidade de todas e cada unha das persoas participantes. Grazas a todas!

 David Pereiro, responsable do Programa VIRADA.

VIRADA 25, nas súas modalidades de Liderado e Equipos, xa está preparado. Se queres saber datas e condicións, atopa toda a información aquí.

Voltar