O pasado 26 de agosto de 2025, a proposta do Ministerio de Traballo e Economía Social, aprobouse a nova Estratexia da Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) para o período 2025-2027.
O plan busca modernizar e reforzar o organismo inspector en plena transformación do mercado laboral español, prevé a contratación de 554 novos inspectores e subinspectores de Emprego e Seguridade Social, así como subinspectores de Seguridade e Saúde Laboral, tanto en servizos centrais como en inspeccións provinciais. Ademais, incrementarase o número de profesionais técnicos e administrativos.
A Estratexia 2025-2027 destina 28,5 millóns de euros a potenciar a transformación dixital do organismo. Entre as principais novidades atópase a creación dun laboratorio de informática forense, que permitirá a obtención de evidencias dixitais mediante técnicas avanzadas. Este laboratorio facilitará a inspección e a análise de sistemas informáticos en casos de presunta fraude, adaptándose así á crecente sofisticación das prácticas irregulares no ámbito laboral e da Seguridade Social.
A estas iniciativas súmanse o desenvolvemento de novas regras algorítmicas na Ferramenta de Loita contra a Fraude, que aproveitará o cruzamento masivo de datos para detectar irregularidades, e a mellora dos servizos electrónicos ofrecidos á cidadanía. Destaca aquí a futura implantación dunha sede electrónica que operará como punto centralizado de comunicación entre a ITSS e os cidadáns, simplificando os trámites e facilitando o acceso á información por parte de traballadores e empresas.
Este proceso de modernización reforza tamén a necesidade de especialización e formación continua do persoal, unha liña considerada prioritaria na nova Estratexia para dotar ao organismo de equipos máis capacitados e adaptados ás novas realidades do traballo.
Folla de ruta estruturada en 17 obxectivos
O novo plan estratéxico articúlase ao redor de 2 eixos e 17 obxectivos específicos:
- O primeiro dos eixos céntrase na actividade inspectora, con dez metas que abarcan ámbitos como a vixilancia das relacións laborais individuais e colectivas, a seguridade e a saúde no traballo, a igualdade e a non discriminación, a promoción do emprego, a seguridade social e a loita contra o traballo non declarado.
- O segundo eixo aborda as medidas organizativas, estruturais e operativas necesarias para prestar un servizo público eficiente e de alta calidade. Destaca neste sentido a internacionalización da metodoloxía da inspección laboral, cada vez máis demandada por organismos análogos doutros países, así como a planificación de visitas e asesorías técnicas.
Segundo o propio organismo, a estratexia responde o crecemento recente do emprego e a economía, acompañado dun notable aumento na presentación de denuncias e comunicacións cidadás á ITSS, que creceron un 43% entre 2021 e 2024. Por iso é polo que, dentro desta folla de roteiro, decidiuse priorizar as cuestións que máis interesan e preocupan aos traballadores: a estabilidade no emprego, a duración da xornada laboral e as condicións salariais.
Fonte: Ministerio de Traballo e Economía Social
Marta Armada. Responsable do Servizo Laboral de Algalia