A Xunta de Galicia, a través do seu presidente, Alberto Núñez  Feijó, anunciou a posta en marcha da primeira Estratexia galega de economía social, que contará cun orzamento de 73 millóns de euros ata 2021. Trátase dunha iniciativa para crear novas oportunidades de negocio e de actividade económica en empresas que están enfocadas ás persoas e que contan cunha maior cohesión territorial e social. En concreto, esta estratexia está dirixida, principalmente, ás cooperativas, ás sociedades laborais, aos centros especiais de emprego e ás empresas de inserción laboral.

Segundo o documento da Estratexia, o obxectivo prioritario desta estratexia é incrementar nun 10 por cento as entidades de economía social, chegando ás 3.300; aumentar nun 20 por cento os empregos, ata 17.500, así como potenciar a presenza feminina nestas entidades.

Este anuncio, inclúe o impulso de iniciativas como un programa de fomento da economía social entre o alumnado universitario e de formación profesional, a creación de cooperativas escolares entre os estudantes de Primaria e Secundaria para que coñezan este sector e os seus valores ou a aprobación de incentivos ao emprendemento para as empresas de nova creación baseadas na tecnoloxía e na economía colaborativa e circular. Ademais, reforzaranse as iniciativas de formación como os laboratorios cooperativos.

Por último, o presidente galego incidiu en que se fomentarán proxectos de innovación, facilitarase a internacionalización, buscaranse novos mecanismos de financiamento, actualizarase o marco normativo e favorecerase o acceso á contratación pública.

Fonte: Espazo Coop

Algunhas reflexións para este ano 2019

A articulación sectorial na contorna  da  economía social segue avanzando, a creación do Foro pola Economía Social Galega o ano pasado,  demostra que está a ser un bo acicate para conseguir o recoñecemento entre a administración e os axentes sociais. Froito do seu traballo de incidencia política  producíronse as modificacións lexislativas necesarias para a incorporación da economía social no Consello Económico e Social de Galicia.

Tamén cabe destacar a activación do Consello da Economía Social, dependente da Consellería de Traballo, Economía e Industria que nas próximas datas quedará formalmente constituído, e que permitirá unha mellor capacidade de interlocución e defensa dos nosos intereses. Este Consello representará as diferentes entidades que conformamos a economía social (Cooperativas, Sociedades Laborais, Centros Especiais de Emprego, Empresas de Inserción, Asociacións, Fundacións,……)

A Estratexia Galega da Economía Social pon o foco no incremento de entidades, na xeración de emprego e a igualdade de oportunidades. Para o que é preciso o fortalecemento das organizacións existentes. Vellos temas como  a  intercooperación , a creación de agrupacións para acceder a concursos públicos ou a clientes privados con máis capacidade de compra seguen sendo prácticas innovadoras na nosa realidade.

Aproveitar as oportunidades que nos brinda a Lei de Contratos do sector público supón que as entidades teñen que  profundar no cumprimento das cláusulas sociais e optar por incorporar sistemas e ferramentas de xestión que así o acrediten.

Incorporar estas tendencias dentro das nosas planificacións e priorizar recursos para conseguilas, ben seguro que contribuirá a un crecemento máis sustentable no tempo.

Celso Gándara Carnero
Xerente de Algalia
 e Portavoz do Foro pola Economía Social

Voltar