A economía social leva décadas formando parte do tecido produtivo español, pero ata o de agora a súa contribución non fora capturada coa precisión e visibilidade que si teñen outros sectores. Este baleiro comeza a pecharse coa publicación, por parte do Instituto Nacional de Estatística (INE), da primeira Conta Satélite da Economía Social (CSES), un instrumento estatístico de carácter estratéxico que marca un fito no recoñecemento oficial e estrutural do peso económico do sector dentro do sistema de Contabilidade Nacional de España e de Europa.
Por primeira vez, a Economía Social está medida oficialmente dentro do marco co que se calcula o PIB en España e en Europa, baixo as mesmas regras metodolóxicas que o resto dos sectores produtivos. Trátase dunha medición plenamente integrada, harmonizada a nivel europeo e comparable con calquera outra actividade económica. A CSES, que abarca o período 2019-2023, cuantifica as principais magnitudes económicas e laborais do sector incluíndo datos económicos, de emprego e de voluntariado.
Segundo o INE, en España hai 127.532 empresas e entidades que conforman a Economía Social, cuxa cifra de negocios no 2023 reflicten un comportamento estable do 11,1% do PIB, 169.691M de euros de facturación e 2.250.389 empregos directos e indirectos (10%)
Que son as contas satélite e por que importan?
As contas satélite son instrumentos estatísticos que complementan o sistema de contabilidade nacional. Permiten analizar en profundidade ámbitos específicos —como a economía social— mantendo coherencia coas magnitudes macroeconómicas xenerais. Noutras palabras, axudan a facer visible o que ata o de agora estaba parcialmente oculto nas estatísticas tradicionais.
Dispoñer de datos rigorosos ten implicacións directas, máis aló da medición, en:
- Visibilidade: cuantificar o impacto da economía social contribúe a recoñecer o seu papel na sociedade e na economía.
- Políticas públicas: permite deseñar medidas máis axustadas á realidade do sector, baseadas en evidencia.
- Investigación: abre novas posibilidades de análise académica e avaliación de políticas.
- Transparencia e rendición de contas: mellora a comprensión do funcionamento do sector e a súa evolución no tempo.
Tal e como sinalan os impulsores do proxecto, contar con estatísticas específicas é fundamental para comprender mellor estes modelos empresariais e orientar decisións estratéxicas.
España, á vangarda europea
Segundo destaca CEPES, España sitúase nunha posición de liderado en Europa coa posta en marcha da primeira conta satélite oficial da economía social. Este fito non só reforza o recoñecemento institucional do sector, senón que tamén consolida o seu papel estratéxico no modelo produtivo.
A dispoñibilidade de estatísticas específicas permitirá evidenciar con maior claridade o peso real da economía social, que xa se intúe relevante en termos de emprego, cohesión territorial e resiliencia económica. Ademais, facilitará a comparación internacional e aliñará a España coas mellores prácticas estatísticas europeas.
España deu un paso decisivo nesa dirección. Agora, o reto será aproveitar esta nova ferramenta para converter os datos en coñecemento e o coñecemento en acción.
A CSES é unha operación estrutural que terá unha periodicidade bianual e pódese consultar na web do INE aquí

