Dos seus 30 anos de historia apenas gocei un lustro desde que o equipo de Algalia confiou en min para levar a comunicación corporativa, pero, neste tempo, tiven a sorte de ver como Algalia foi acadando solidez e recoñecemento no seu sector. E se algo se probou desde entón, é que esa solidez non só se constrúe co traballo ben feito, senón tamén coa capacidade de contalo.

A economía social ten un valor incalculable, pero ás veces cústalle facerse visible. Estamos afeitos a centrarnos no servizo, no coidado das persoas e na misión social que nos move, e deixamos nun segundo plano a maneira de comunicalo. Con todo, a visibilidade non é un adorno: é unha necesidade. É o que permite que quen podería beneficiarse do que facemos chegue a coñecernos, e que as administracións nos recoñezan como un actor clave.

Comunicar é tamén coidar: aos clientes, que atopan en nós unha resposta ás súas necesidades; ás entidades, que nos coñecen mellor e confían no noso traballo; ao equipo, que sinte orgullo por pertencer a un proxecto que impacta positivamente en tantas vidas.; e á sociedade, que recoñece en Algalia unha forma distinta de facer empresa.

Nestes últimos anos vin como Algalia deu un salto enorme neste sentido. Non se trata só de ter unha web actualizada ou de publicar en redes sociais. Trátase de proxectar cara a fóra o que somos dentro: unha cooperativa que aposta pola innovación, pola calidade nos servizos e polas persoas como motor de todo. A comunicación permitiunos abrir portas a novas oportunidades, xerar confianza nos nosos clientes, reforzar alianzas e, sobre todo, conectar coa comunidade.

Facer visible a Algalia significa tamén reforzar a visibilidade da economía social. Porque cada historia que contamos —dun proxecto, dun servizo, dunha persoa— é un recordatorio de que existen outras formas de facer empresa, máis xustas e sostibles. Nun mundo onde a competencia é feroz e a atención é limitada, coidar a comunicación non é un luxo: é unha ferramenta estratéxica para seguir crecendo sen perder a nosa esencia.

Hoxe, neste 30 aniversario, toca felicitar a quen fixo posible que Algalia chegue ata aquí. Pero tamén toca mirar cara a adiante co compromiso de seguir transmitindo mellor, con autenticidade e proximidade, para que a sociedade vexa e valore o que levamos facendo desde 1995: poñer sempre ás persoas no centro.

Mireia Suárez, responsable de Comunicación de Algalia.

Voltar