Xérame unha gran satisfacción escribir estas liñas no 30 aniversario de ALGALIA. A través da colaboración no ámbito profesional, desde fai xa preto de 15 anos, coñecín a moitas das persoas que integran a organización e non podería facer outra cousa máis que subliñar as súas virtudes. Moi especialmente o punto de vista humano, que trasladan á súa forma de desenvolver a actividade profesional. Sen dúbida, no seu modo de facer as cousas, ALGALIA é diferente a outras empresas de servizos.
Pero neste momento vou cinguirme a un ámbito máis técnico, que desenvolvemos conxuntamente neses primeiros momentos da relación entre ALGALIA e a cooperativa da que son socio, LKS Next, empresa de servizos do grupo MONDRAGON. A inquedanza por aprender e compartir e a procura de organizacións coas que puidesen facelo levou ao conxunto de persoas socias de ALGALIA a propiciar e establecer esta relación, que pronto se concretou na colaboración no ámbito da xestión estratéxica.
A mellor forma de facelo foi, en primeiro lugar, fortalecendo os seus propios procesos de deseño e seguimento da estratexia. Alá por 2012, ALGALIA integrou o concepto de modelo de negocio e unha ferramenta que entón emerxía con forza e que posteriormente foi obxecto de aplicación en numerosas organizacións: o canvas de Osterwalder, unha forma de interpretar modelos de negocio de forma sinxela e sintética. Non foi a aplicación en ALGALIA da ferramenta en si, senón a profundidade e alcance das reflexións do equipo o que chamou a miña atención.
Foi unha época, ademais, na que ALGALIA estruturou os seus procesos estratéxicos ao redor dos ámbitos corporativo e de negocio, dando sentido ao conxunto da organización e os temas prioritarios que debía abordar. Doutra banda, definida a súa estratexia, o despregamento a través dos POAs en períodos anuais é outra boa práctica asentada desde entón. A coherencia das formulacións estratéxicas co modelo de empresa e os seus procesos de xestión sempre foi unha preocupación en ALGALIA. E con gran alegría podo constatar que, tras varios períodos estratéxicos cuadrienais, ALGALIA consolidou a xestión estratéxica e, nestes momentos, está no limiar dun novo período, cunha reflexión altamente participativa e profunda nun contexto tan complexo como o actual.
Digo o que digo cun profundo convencemento. Sen iso, non sería posible expór ámbitos de colaboración e traballo conxunto entre ALGALIA e LKS Next. Colaboración que se concretou no mercado en proxectos de estratexia, modelos organizativos ou contabilidade social, por nomear os máis recorrentes na nosa relación. Facer equipo con profesionais de ALGALIA achégame a garantía de prestar un bo servizo e seguir aprendendo conxuntamente.
A traxectoria das empresas axuda a explicar moi ben as cousas que ocorren hoxe. Boto a vista atrás, e o pasado sobre o que escribín estas liñas, centrado nun proceso tan importante como a xestión estratéxica en ALGALIA, axúdame a entender por que cumpren xa 30 anos como unha organización referente. Inquedanza por aprender, disposición a compartir, elevado nivel profesional e coherencia. Hai que homenaxear a unha organización que fai realidade a máxima de predicar co exemplo. A todas as persoas que formades parte deste gran proxecto, felicidades!
Alfonso Echanove
Responsable da área de Estratexia de LKS Next